Máis de tres mil carreiras contra o cancro

FERROL CIDADE

Brais Canosa e Paula Mayobre sobresaen nun gran día do atletismo popular

13 novs 2017 . Actualizado ás 16:25 h.

A saída desde o Cantón de Molíns da carreira contra o cancro foi un espectáculo digno de ver. Unhas 3.300 persoas, a maioría correndo e outros andando, uníronse a unha auténtica festa do atletismo popular, na que interveu a choiva, pero sen impedir un gran ambiente polas rúas de Ferrol.

Entre medias, Brais Canosa e Paula Mayobre foron os primeiros en cruzar a liña de meta, do mesmo xeito que no 2014. O triatleta naronés sumou o seu segundo triunfo na proba, mentres a atleta aresana conquistou catro de cinco edicións.

O goteo de xente de todas as idades se alongou durante máis dunha hora na liña de meta, despois de que o percorrido de cinco quilómetros pasase por varios puntos da Magdalena. Unha hora antes os máis pequenos xa cumpriran, ao cubrir percorridos adaptados a cada idade na contorna do Cantón. Cada ano son máis os que se unen á causa.

É algo que apuntou o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, que se sorprendeu coa inxente participación.

No apartado competitivo, Canosa (Arcade Inforhouse) foi acompañado a maior parte do tempo por Jonathan Fernández (Pasa ou Entorna) e Diego Ruiz (Atletismo Sada), dous habituais nos podios das probas da comarca. Con todo, no tramo final valeu máis a zancada do naronés.

Esta vez Julen Basterretxea, segundo e primeiro nos dous últimos anos, só foi quinto, e o último vencedor, Iván Pontes, atopábase competindo en Atapuerca. A que o tivo sinxelo para certificar o seu póker de triunfos foi Mayobre (Escola Atletismo Paula Mayobre), que se impuxo a Lucía Sicre (Ría Ferrol) e Ángela Torreiro (Kirós).