Os veciños de Ferrol Vello denuncian que a alarma da Cuesta de Mella soa desde hai dúas semanas

R.P.P. FERROL

FERROL CIDADE

ANGEL MANSO

A asociación critica ademais a falta de subministración de luz no Baluarte de San Xoán

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A alarma dos baixos rehabilitados na Cuesta de Mella leva en funcionamento desde hai dúas semanas. Denunciouno onte a presidenta da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, Maite Fernández, que ante a falta de resposta municipal, onte entregou por rexistro un escrito esixindo unha solución. «Leva quince días tocando a alarma, que ninguén sabe onde está conectada, non hai chaves, porque non aparecen, e soa día e noite», explicou a representante veciñal. Despois de varios intentos vans de contactar co concelleiro de Servizos, Luis Victoria , Maite Fernández reclama que o Concello interveña para solucionar esta situación. Tamén outras deficiencias, como a falta de luz no Baluarte de San Xoán desde fai tamén unhas dúas semanas.

Ao goberno local pídelle tamén que actúe no barrio para mellorar as súas condicións, a pesar da lixeira melloría que aprecia. Sobre todo, reclama, «unha intervención xa na zona que é do Concello, a casa de Carballo Calero, onde hai un valo e criar unha selva preciosa», ironizou. A este respecto, asegura que o Concello non os informou do concurso ao que presentaron a reurbanización da Praza Vella e que incluirá este edificio, unha cuestión que a concelleira de Urbanismo anunciou nas xornadas organizadas por Ferrol Vivo no barrio.

Fernández criticou tamén os problemas de maleza e sucidade que o vello edificio de Aduanas crea en rúas anexas.