Renfe convoca aos alcaldes de Ferrol e A Mariña, tamén á Xunta

ana F. Cuba / s. c. ORTIGUEIRA / VIVEIRO / LA VOZ

FERROL CIDADE

PEPA LOSADA

A reunión será este venres en Ferrol para falar do tren de Feve pola costa

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cinco meses despois da reunión de Renfe, Consellería Infraestruturas de e representantes dos concellos da liña Ferrol-Ribadeo, a compaña ferroviaria convocou aos alcaldes de todos os concellos de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña lucense polos que discorre a antiga Feve, e ao departamento de Ethel Vázquez, para un primeiro encontro do grupo de traballo. Será este venres, durante toda a mañá, no edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Unha reunión importante para abordar o futuro do tren.

O primeiro contacto estableceuse o 8 de maio e un mes despois Renfe deu a coñecer un plan de actuación para a liña de ancho métrico, que incluía a recuperación de vehículos inmobilizados, a reparación de compoñentes, o aprovisionamento de repostos e plans de mantemento preventivo, cun investimento na flota de 2.546.000 euros en catro anos e 1.163.440 euros de aquí a 2019 no pintado e a mellora da accesibilidade de varias estacións.

Tamén se falaba nesta reunión dos maquinistas e Renfe indicaba que o persoal da base de Ferrol estaba «practicamente estabilizada». Desde entón, a situación de Feve non fixo máis que empeorar, con cancelacións continuas de servizos, atrasos ou ausencia de interventores.

Recentemente publicabamos nestas mesmas páxinas que nos últimos catro meses, o tren de Renfe-Feve pola costa cantábrica rexistrou máis de 90 incidencias. Tamén é sabido que apenas hai interventores e boa parte dos viaxeiros non pagan nin en tramo da Mariña lucense nin en tramos de Ortegal e mesmo Ferrolterra. La Voz publicou nas súas páxinas centrais a curiosa queixa dun viaxeiro vasco que denunciou que ninguén lle cobrase; tal foi se estrañeza. «Así non pode funcionar ben un servizo», lamentábase.

Á primeira reunión con Renfe tan só acudiu desde A Mariña un representante do Concello de Viveiro. Confían en que este venres á segunda reunión convocada en Ferrol asistan representantes de todos os concellos da Mariña, dada a relevancia da cita para confrontar opinións e analizar o futuro do tren costeiro. Son frecuentes as queixas polas deficiencias nos servizos de tren; o venres, poderanse pór sobre a mesa.