Alexis Prince chega a Ferrol e completa ao Uni

FERROL CIDADE

CÉSAR TOIMIL

A estadounidense chegou este mércores a Ferrol e viaxará co equipo este xoves a Madrid, onde se disputará a primeira xornada

28 sep 2017 . Actualizado ás 13:05 h.

A última peza do quebracabezas fíxose agardar, pero xa se uniu a todas as demais do Star Center Uni Ferrol. Alexis Prince (Orlando, Florida, 23 anos) chegou na mañá do mércores á cidade que se converterá na súa casa nos próximos meses, despois dun verán frenético no que se estreou como xogadora da WNBA coas Phoenix Mercury. A pesar de que o Uni anunciou a súa fichaxe o 14 de xullo, a súa participación na liga norteamericana, na que chegou ata as semifinais do play off, atrasou a súa chegada ata agora, a uns días da estrea da máxima división española, renombrada como Liga Dia.

Durante a competición regular coas Mercury, Prince participou unha media de 7 minutos en 18 encontros, ningún de titular, nos que anotou 1,9 puntos de media. Con todo, na fase polo título apenas xogou uns segundos en dous partidos, ambos contra Los Ángeles Sparks en semifinais. A xogadora, formada na Universidade de Baylor, mide 1,88 metros, pesa 80 quilos e pode xogar en calquera posto da liña exterior, aínda que sobre todo de aleiro e escolta. Entre os seus fitos está o de ter sido protagonista, no 2012, na selección estadounidense que gañou o ouro no Mundial sub-18.

Na última tempada en Baylor, a 2016-2017, antes de dar o salto ao profesionalismo, a norteamericana disputou unha media de 28,7 minutos, nos que anotou 12,1 puntos. Fíxoo, ademais, cun gran acerto: 180 de 384 (46,9 %) nos tiros de dous e 62 de 149 (41,6 %) desde a liña de tres. «É moi boa anotadora de tres puntos e de dous tras bote. Ademais, ten boas porcentaxes e selecciona moi ben os tiros. É capaz de xerar bloqueos directos e pode defender tanto a xogadoras interiores como exteriores», adiantaba o técnico do Uni, Lino López, cando se anunciou a fichaxe de Prince.

A estadounidense terá que ir adaptándose aos poucos aos esquemas, cos que as outras xogadores que se incorporaron este ano levan traballando case un mes. Prince participou na noite de onte no seu primeiro adestramento co Uni, que tivo lugar na Malata -en Esteiro xogaba o Valdetires-.

Polo tanto, chegou a tempo para viaxar este mediodía a Madrid, onde o Uni disputa o domingo o primeiro partido de liga contra o Mann Filter (Teledeporte, 16.00 horas). As xogadoras subir ao autobús ás dúas da tarde despois dunha sesión matinal, ás 11.00 horas, no pavillón de Esteiro.