Tarefas de mantemento nas instalacións deportivas de Fene durante o verán

La Voz FENE / LA VOZ

FENE

ASPA

En setembro, o pavillón da Xunqueira tamén volverá abrir para acoller os adestramentos dos equipos locais

02 ago 2021 . Actualizado ás 22:57 h.

O Concello de Fene informou de que os departamentos de Deportes e Obras están a levar a cabo diversas actuacións en instalacións municipais co obxectivo de «telas listas para o arranque da nova temporada 2021-2022 que botará a andar tralo verán».

Durante o mes de xullo acondicionouse o perímetro do campo dos Pinares, en Perlío, e tamén se reparou parte do muro do campo de Maniños. Ademais, realizouse unha revisión xeral da maquinaria da piscina Centieiras e, nas inmediacións, no polideportivo cuberto, instaláronse dispositivos para aparcar bicicletas. O traballo continuará durante os meses de agosto e setembro.

Entre as tarefas previstas para as próximas semanas está a roza e acondicionamento da parcela de Perlío cedida ao antigo club de automodelismo Axiña para adestrar e organizar competicións. A entidade comunicou ao Concello o cesamento da súa actividade, polo que a administración local volverá facerse cargo da xestión da parcela, para a que se están estudando novos usos relacionados co lecer ao aire libre.

En setembro, o pavillón da Xunqueira tamén volverá abrir para acoller os adestramentos dos equipos locais que tramitaron recentemente a reserva das instalacións. Así mesmo, o mes que vén tamén se abrirá o prazo de inscrición para as escolas deportivas que, se todo vai segundo o previsto, comezarán durante a primeira semana de outubro, do mesmo xeito que a actividade no pavillón O Ramo, na parroquia de Barallobre.