«Están a agardar a que haxa unha desgraza para tomar medidas»

J. Corral FENE

FENE

JOSE PARDO

O propietario da casa fenesa danada pola carga dun camión alerta do perigo dos puntos negros da AC-133

15 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Este é o terceiro portal que teño que cambiar. Duroume un día». A propiedade de José Carlos Lorenzo, na estrada AC-133, en Fene, xusto antes do viario que leva a Barallobre, volveu a soportar este mércores as consecuencias dun accidente de circulación. Nesta ocasión, os pesados troncos que perdía un camión ao seu paso pola zona levaban por diante, ademais dun farol, parte do muro da súa leira. Un novo susto para o seu historial.

«Non nos damos recuperado. O anterior accidente, que causou tamén danos materiais, rexistrouse fai só tres meses», lamenta resignado este fenés, mostrando o portalón tirado e roto no interior da súa leira, mentres os operarios de mantemento de infraestruturas viarias da Xunta acondicionan a beirarrúa situada ante a casa.

A súa vivenda e a de ao lado, os números 111 e 113 do viario que leva a Mugardos, sofren unha e outra vez as consecuencias dun emprazamento estratéxico, nunha curva cunha pequena baixada, onde, a pesar de que a velocidade está limitada a 50 quilómetros por hora, abundan os condutores que circulan a maior velocidade da permitida.

Accidentes «innumerables»

«Cando xa tiña todo arranxado, véxome outra vez empantanado cos seguros, os orzamentos, a valoración de danos...», explica o propietario, quen se confesa farto de acudir ao Concello -«cuns gobernantes e con outros»- e que todos boten balóns fose pasando a pelota á administración autonómica, titular da estrada.

«Parece que están a agardar a que haxa unha desgraza grande para tomar medidas», sostén. E outro tanto opina Manuel Souto, outro residente da zona, que esixe medidas urxentes. «Non deixo que a miña neta xogue diante de casa», sostén o sufrido propietario.

Engade Lorenzo que se trata dunha beirarrúa de paso cara a instalacións educativas. «O portal é o de menos. Estamos en albas, porque durante o curso pasan a diario moitos nenos cara á gardería- situada na mesma man, coa vía que leva a Barallobre polo medio-, e os colexios están a un paso», anota.

A situación deste veciño non é única. A pouca distancia, a AC-133 ten outra curva problemática, onde polo menos houbo unha ducia de accidentes (continuos choques, e mesmo algún sinistro con morte).

Solucións

Desde o Concello hase trasladado en reiteradas ocasións o problema á Xunta de Galicia. E técnicos da consellería visitaron ambos os puntos negros o pasado mes de maio co ánimo de expor solucións que, como anotan desde o concello e o veciño afectado, poden ir desde pavimentar cun tipo de firme máis rugoso, ata «contra peraltar» a curva ou establecer controis de velocidade.