Fene estreará en febreiro o primeiro circuíto de cros da comarca

La Voz FENE

FENE

cedida

O equipamento deportivo está a acondicionarse xunto ao instituto de Barallobre

17 ene 2019 . Actualizado ás 11:10 h.

Fene reforzará en breve os seus equipamentos deportivos, sumando un circuíto de carreiras campo a través xunto ás recentemente recuperadas pistas de atletismo de Barallobre. O Concello iniciou xa os traballos para habilitar esta infraestrutura, de ao redor de 5.000 metros cadrados, que se estreará a principios de febreiro co campionato provincial de cros para escolares.

Apuntan desde o Concello que a parcela se atopaba nunha situación de abandono, «asolagada polas malas herbas». E engaden que as tarefas de acondicionamento, grazas a que estarán realizados por operarios municipais, terán un custo mínimo. Neste momento, están a ampliarse as sendas que conectan a pista de atletismo -de 200 metros, con seis pistas e espazo para diferentes disciplinas, desde o salto de altura ao de lonxitude-, e o circuíto, que se delimitará nos próximos días.

As obras converterán a Fene no primeiro municipio de Ferrolterra cun espazo dedicado en exclusiva á práctica de carreiras de cros. A intención do goberno local, segundo sinala o edil de Deportes, Xoán Manuel Bastida, pasa por concluír os traballos este mes co obxectivo de acoller o campionato provincial de para escolares o próximo 2 de febreiro. E o 10, o galego de veteranos.

Coa posta en marcha do circuíto de cros, a contorna do instituto local, suma uns 12.500 metros cadrados para a práctica deportiva. Con eles preténdese «fomentar o deporte entre os máis cativo, especialmente, entre o estudantado do muncipio».