Mercadona sopesa mudarse en Fene ao polígono industrial de Vilar do Colo

J. C. M. FENE / LA VOZ

FENE

CESAR TOIMIL

Desde a empresa, asentada en San Valentín, asegúrase que non hai neste momento unha decisión tomada

11 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non hai nada asinado». Pero o posible traslado do supermercado Mercadona de San Valentín ao polígono de Vilar do Colo é máis que un rumor. O xigante valenciano de distribución baralla baixar a persiana da que foi a súa primeira tenda na comarca, que puña en marcha alá por marzo de 2005, para abrir na área empresarial unha gran superficie, acorde co seu novo concepto de tenda eficiente. Unha xogada que ademais lle permitiría competir, de ti a ti, con Gadis, na localidade.

O runrún, alimentado tras o anuncio do peche da tenda de Freixeiro para abrir na nave de Decathlon, tomou corpo, tras a recente visita do presidente da compaña, Juan Roig, á tenda, a terceira que realiza nos seus catorce anos de existencia. Unha cita que o empresario tería aproveitado ademais para achegarse o polígono que comparten os municipios de Fene e Cabanas, un punto estratéxico de paso ademais para os veciños de Mugardos e de Ares.

«Todos estes movementos parecen indicar que algo hai», apunta André Abeledo, traballador do establecemento fenés e delegado de persoal de Mercadona na Coruña, para, a continuación, asegurar que non existe confirmación en ningún sentido por parte da empresa nin aos traballadores afectados nin aos seus representantes sindicais. «Esta empresa funciona dun xeito singular e non nos parece de recibo esta falta de información». Con todo, conclúe o representante da CIG, que «non temos dúbidas».

Mentres desde o Concello apuntan que «son coñecedores» do interese da firma por instalarse no seu polígono industrial -non así, do posible peche da tenda de San Valentín- pero, tal e como apunta o alcalde, o popular Gumersindo Galego, «de momento, non hai solicitada ningunha licenza».

En proceso de cambio

De confirmarse a saída do barrio fenés, a firma repetiría o movemento realizado no veciño municipio de Narón. «Aquí non hai problemas de aparcadoiro nin de loxística, pero hai unha aposta clara por un novo modelo de tenda, como a da Gándara, no que os establecementos máis grandes substitúen aos de barrio»

Desde a empresa, aseguran que «neste momento, non temos nada asinado». Explican, no entanto, que existe un plan de reformas a nivel nacional para adaptar as tendas a un novo modelo máis eficiente -un novo sistema para os produtos frescos, luces led automatizadas creando ambientes, cun 40 % de aforro...- e neste contexto, están a valorarse todas as posibilidades. «Mesmo poderían chegar a valorar quedar no mesmo local».