O agardado regreso da centola

FENE

José Pardo

Tras catro meses e medio en veda, o prezado crustáceo volveu ás prazas en abundancia e con bos prezos; na Magdalena cotízanse a entre 9 e 18 euros

14 novs 2018 . Actualizado ás 10:41 h.

«Os clientes están desexosos de bois e centolas, así que hoxe me levo dos dous, a ver como saen». Se por algo ten fama o restaurante Muíño do Vento de Magalofes (Fene) é polas súas deliciosas ameixas á prancha, pero, onte martes, ao seu responsable, Carlos Varela, os ollos íanselle irremediablemente ás centolas e os bois que lucían fermosos nos postos da pescadería da praza de abastos da Magdalena.

Tras catro meses e medio en veda, os dous crustáceos regresaron esta semana ao mercado en abundancia e con bos prezos, procedentes das lonxas de Ferrol, A Coruña e Cedeira. No primeiro día de venda da campaña, na praza ferrolá as centolas máis caras cotizáronse a 18 euros, pero tamén foi posible atopar pateiros (os de menor tamaño, duns 700 gramos) a 9 euros. «Non por ser máis grande están máis bos; os pequenos son tamén moi ricos e, ademais, teñen mellor repartición. Eu prefiro levarme catro pequenos que dous grandes, porque ademais así non hai pelexas na repartición das patas e os corpos», comenta Javier Pérez Bustabad, de Peixes Tinita.

En calquera caso, entre eses dous extremos, a pinza de prezos é moi ampla e, por iso, no Mercado da Magdalena pódense atopar estes días centolas para todos os petos. Ademais dos que se vendían a 18 e 9 euros, onte despachábanse tamén nos postos a 11, 12, 13, 14, 15 e 16 euros o quilo, dependendo do seu tamaño e sexo. Á eterna pregunta de cales exemplares resultan máis saborosos, se os machos ou as femias, a maioría de placeiros e pescantinas decántanse polos primeiros -«porque a súa carne ten un sabor máis intenso», en opinión de Alberto Chacartehui, da Asturiana-, aínda que, paradoxalmente, as segundas adoitan acadar prezos máis elevados. No Coruñés, por exemplo, os machos vendíanse onte a 15 euros, mentres que as femias cotizaron a 18. «É que a moita xente lle encantan os corais e por iso demándanse máis», explica a placera Mari Carmen Prieto.

En canto á calidade, esta mesma pescantina asegura que «hai que escollelas ben, porque non todas están boas e algunhas aínda veñen frouxas». Para os inexpertos na arte de seleccionar o mellor marisco, Alberto Chacartegui recomenda tocar sempre a tapa inferior do caparazón e as uñas das patas. «Teñen que estar duras, porque se están brandas é que a centola vén medio baleiro», advirte.

E se o crustáceo de patas longas e velludas acaparou onte o protagonismo no Mercado Central da Magdalena, un tanto do mesmo ocorreu cos bois de mar, que se despacharon a 15 e 16 euros o quilo, aínda que non tiveron tanta demanda como as centolas.

Mirando ao futuro máis próximo, os placeiros prognostican unha boa campaña de vendas, a condición de que as condicións do mar permitan saír a faenar e a escaseza non provoque que se disparen os prezos de forma brusca.

Iso si, todos coinciden que unha subida progresiva é inevitable, sobre todo a partir de finais de novembro ou principios de decembro. «Eu creo que os prezos se manterán polo menos durante dúas semanas e logo comezarán a subir aos poucos ata Nadal e mesmo ata o día de Reis», vaticina María Prin, do Coruñés.

En calquera caso, todos confían en que os centolas non se poñan polas nubes para celebrar as festas. No 2017, un ano no que houbo unha gran abundancia do crustáceo, o prezo case chegou aos 50 euros na véspera de Nadal, segundo lembra José Manuel Horjales, de Peixes Lano.

Máis dunha decena de barcos capturan o crustáceo

O inicio en Ferrol foi bastante "frouxo" en abundancia de produto

La Voz

Máis dunha decena de barcos regresaron o pasado luns á captura da centola despois de catro meses e medio de veda. Aínda que no Mercado Central da Magdalena houbo abundancia do crustáceo (xa que os postos de abastecen dos portos de Cedeira, Ferrol e A Coruña), na lonxa da cidade departamental non se rexistrou tanto movemento. De feito, segundo indicou a patroa maior de Ferrol, Isabel Maroño,  o inicio da campaña está a resultar de momento «frouxo», aínda que matizou que aínda «é pronto para facer balance». 

En calquera caso, o arranque non foi como o do 2017, cando as primeiras xornadas se caracterizaron por unha gran abundancia de produto. Hai xusto un ano as capturas empezaban con máis de 2.300 quilos en só unha semana.

O prezo do crustáceo na lonxa de Curuxeiras moveuse nunha pinza entre os 5 e os 16 euros por quilo, aproximadamente.