Fene estudará se remunicipaliza o servizo de subministración de auga

Fene LA VOZ

FENE

ANXO MANSO

A decisión adóptase tras a finalización da concesión a Viaqua

13 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras 25 anos, a empresa Viaqua deixará de ocuparse da prestación do servizo de auga e depuración en Fene. Despois de que vencese o período de concesión e a súa posterior prórroga, o pleno deu onte luz verde á proposta do goberno local, liderado polo popular Gumersindo Galego, de iniciar un expediente para determinar o modo de xestión que permita optimizar o servizo prestado aos veciños.

O acordo acadado, ademais de analizar se procede unha explotación directa deste servizo básico ou seguir como ata agora coa indirecta, tamén establece a comunicación da extinción a Viaqua e o requirimento para que siga prestando o servizo en tanto o pleno non adopta a decisión definitiva sobre o modelo de xestión máis apropiado.

Ademais, durante a sesión acordouse iniciar o expediente de información e actuacións previas coa finalidade de coñecer o estado da explotación do abastecemento coa finalidade de dar inicio ao expediente de liquidación da concesión.

Unha concesión ampliada

Fene adxudicaba a Aquagest o servizo a finais do ano 1993, concretamente o catro de novembro daquel ano, e o contrato formalizábase poucos días máis tarde, por un total de 15 anos. En 2002, durante o mandato do nacionalista José María Rivera Arnoso, procedíase a unha modificación dunha das cláusulas do contrato, ampliando a súa vixencia de 15 a 25 anos, contados a partir de 1993. En febreiro do 2014, Viaqua asumía o contrato tras a escisión realizada pola empresa adxudicataria Aquagest.