A moción de censura de Fene avanza nos tribunais

FENE

ANGEL MANSO

Recursos do BNG, PP ou Somos Fene poden obrigar a retomar o pleno ou paralizalo definitivamente

10 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cúmprense quince días desde que a concelleira do BNG de Fene Mariela Aguilar paralizase o pleno de debate da moción de censura impulsada por PP e Somos Fene para desbancar ao alcalde nacionalista, Juventino Trigo. Dúas semanas nas que o proceso non fixo máis que enquistarse nos tribunais, con múltiples causas abertas que deberán guindar luz sobre o futuro da alcaldía fenesa.

Somos Fene

Xa hai resolución. O proceso máis avanzado é o de Somos Fene. Iniciouse o 3 de agosto contra a decisión do Concello de considerarlles non adscritos pola expulsión do partido ao amparo do que concorreron ás eleccións, PDD. O xuíz devolveulles os seus dereitos como grupo Somos Fene de forma cautelar, momento no que se presentou a moción. Por mor da decisión de Aguilar, denunciaron a medida ao considerar que vulnera eses dereitos, por paralizar a moción en alusión ao escrito do PDD. Somos pediu ao xuíz a execución do auto da medida cautelar ao considerar que Aguilar realizou caso omiso, ante o que o xulgado volve pronunciarse de forma favorable para eles.

BNG

Intento de paralizalo. Trigo, en calidade de concelleira do BNG, presentou antes do pleno un recurso polo que pedían como medida cautelar que se suspendese a sesión alegando que a convocatoria non fora realizada de forma correcta. Aínda que o xulgado dos Contencioso Administrativo de Ferrol non admitiu a suspensión, continúa aberto o proceso. O Concello remitiu ao expediente administrativo o pasado día 2, o que se notifica aos interesados no proceso e emprázaselles para que poidan compadecer no xulgado. Trigo tamén nega que non se lle facilitou o escrito de PDD -polo que Aguilar paralizou o pleno- ao resto de partidos, tal e como denuncia o PP, e asegura que xa dispoñen del e mesmo máis documentación.

PP

Contra a presidenta da mesa de idade. O PP impulsou un contencioso de protección dos dereitos fundamentais co que busca deixar sen efecto a decisión da presidenta da mesa de idade. Proceso que tamén está pendente.