Os gandeiros esixen control para que non se venda leite foráneo como galega

A. F. C. SAN SADURNIÑO / LA VOZ

CERDIDO

JOSE PARDO

Confían en que a nova etiquetaxe axude a incrementar a demanda e os prezos

07 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A entrada en vigor do decreto que obriga a identificar a orixe dos produtos na etiquetaxe xera expectativas de mellora entre os gandeiros da zona. Os produtores confían en que esta medida contribúa ao aumento do consumo de leite galego, o que debería redundar nunha subida dos prezos, pero móstranse cautos e esixen «controis por parte dá Administración» para garantir que o leite que se expende en tendas e supermercados baixo a denominación de «leite galego» proveña realmente de granxas galegas.

«En principio, é positivo, noutros países que se levou a cabo hai anos foino, e esperemos que aquí tamén. Pero ten que haber un control exhaustivo por parte da Administración, para que non se cole leite de fóra», remarca David Arnoso, gandeiro do Forgoselo (San Sadurniño) e presidente do colectivo de produtores lácteos de Galicia (Prolega). «Nós si temos controis, cunha analítica diaria do leite, e con varios céntimos por litro de multa se se detecta algunha anomalía no resultado un só día», abunda.

Arnoso confía en que os prezos melloren, non xa pola nova etiquetaxe, senón polo incremento da demanda e a posta en marcha de novas fábricas. «Estamos esperanzados coa suba, a expectativa é de que sexa de dous ou tres céntimos por litro; é importante que se saiba de onde vén e parte da suba derivaría do novo etiquetado», sostén Andrés Saavedra, granxeiro do Ermo (Ortigueira). A Martín Rego, titular dunha explotación en Grañas do Sor (Mañón), a identificación da orixe do produto parécelle «boa cousa». «Esperemos que non haxa fraudes na industria, nese caso os prexudicados seriamos nós, coma sempre. Durante moito tempo os únicos aos que se lles facían controis era aos produtores, nin á transformación [na industria] nin á distribución, e a ver como se explica que entren quince litros de leite nunha fábrica e saian vinte», comenta, crítico co modelo de funcionamento do sector. E algo escéptico: «Nada se traduce en beneficio para os produtores, agás se hai máis demanda e fan guerra entre as fábricas».

«Galega 100 %»

María José Aneiros, responsable, xunto ao seu marido, de Gandeiría Painceira, en Cerdido, cre que as novas etiquetas «serán beneficiosas, pero sempre e cando se faga unha boa campaña publicitaria para o consumidor». En canto á eventual mellora dos prezos, «non vai ser un efecto inmediato, pero aínda que sexa a longo prazo, se é positivo será importante». Desde o pasado 22 de xaneiro, tanto o leite como os derivados lácteos deben incluír o país de orixe, do ordeño e da transformación. Isto sumar, no caso de Galicia, á certificación «Galega 100 %».