As mulleres rurais fanse oír

A. F. C. CABANAS / LA VOZ

CERDIDO

JOSE PARDO

O wasap e as redes sociais contribúen a paliar o illamento que sofren moitas veciñas maiores, mentres as máis novas reivindican a calidade de vida do campo

13 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando Beatriz Carbón, vicepresidenta de Cabanas Rural Asociación de Mulleres, decidiu crear un grupo de wasap para facilitar a comunicación entre as hilanderas, ningunha quería. «Son maiores [moitas de máis de 70 anos] e cústalles, pero agora, todas as fiandeiras son guasapeiras e mandan mensaxes todo o día», conta. O teléfono móbil, co wasap e as redes sociais, contribuíron a paliar o illamento que sofren moitas habitantes do medio rural. O luns conmemórase o Día Internacional da Muller Rural e as residentes do campo queren facerse oír.

Carbón distingue entre xeracións. «Na miña zona seguen facendo o mesmo que as súas avoas e as súas bisavoas e nós aprendemos delas [como o traballo do liño]; as que somos máis novas saímos, movémonos, pero as de 65 ou 70 anos para arriba quedan estancadas e necesitan activarse, saír do círculo de sementar e sachar, pero hai carencias en infraestruturas e transporte público, e iso quítalles autonomía», debulla. De aí o importante papel que xogan os colectivos, con talleres, cursos ou viaxes.

Meses sen rir

Araceli López, veciña do Barqueiro, traballou varios anos impartindo talleres psicosociais nas parroquias de Mañón e Ortigueira. «O problema é a dispersión, non ven, e a soidade, non teñen con quen falar; e os talleres sérvenlles como unha vía de escape. Gústalles moito contar as súas experiencias, son sabias, coñecen moitas cousas que nós ignoramos e iso vaise perdendo por falta dun espazo onde poder compartilo», lamenta. Lembra a unha anciá que acudiu a unha sesión de risoterapia e confesoulle que levaba meses sen rirse. López cre que se senten apartadas da sociedade, van ao mercado ou ao médico e nada máis, deberían ter unha vida máis activa».

Mentres as maiores soportan os días en aldeas cada vez máis despoboadas que, con todo, poucas quererían abandonar; as máis novas reivindican a calidade de vida do campo, onde moitas viven por elección. É o caso de Beatriz Carbón -o teletrabajo permítelle residir lonxe do ruído urbano- ou de Elena Ramos (Cerdido), firme defensora dos valores do campo.