Cedeira inicia a sexta escavación do Campo do Castro, que custea o Concello

LA VOZ CEDEIRA

CEDEIRA

CEDIDA

Emilio Ramil dirixe a intervención arqueolóxica na punta do Sarridal

17 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O equipo que dirixe o arqueólogo Emilio Ramil acaba de iniciar a sexta intervención do Campo do Castro, na punta do Sarridal, que continuará ata o 7 de agosto. Esta operación abarca unha superficie duns cen metros cadrados «e permitirá coñecer os inicios da ocupación do Campo do Castro e cuestións relacionadas coa construción da muralla e da estrutura circular, ademais da posta en valor dun xacemento que está a representar un novo foco de atracción turística», segundo indican desde o Concello, que financia os traballos, por 14.399 euros.

O alcalde, Pablo Moreda, avanzou a súa intención de «seguir traballando ata completar a totalidade do xacemento, sen desbotar a posibilidade de chegar a acordos cos propietarios das parcelas situadas na zona». Eloxiou, doutra banda, o papel da concelleira nacionalista María Xosé Rodríguez, para sacar adiante este proxecto. Aquí atopouse, fai tres anos, a quinta sauna de vapor castrexa, ou pedra formosa, localizada en Galicia.