«Vos coches pasan a moita velocidade, é moi perigoso porque hai un grupo de casas, unha tenda e a capela»

A.F.C. CEDEIRA

CEDEIRA

Enn directo en A Carballa, na estrada AC-566, de Cedeira ao Campo do hospital

04 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños da parroquia cedeirense de Montoxo levan tempo preocupados pola situación da estrada AC-566 (de Cedeira a Ferrol), no lugar da Carballa. É o principal núcleo de poboación que atravesa a vía no tramo que vai desde Cedeira ao Campo do Hospital. Segundo os datos que manexa a Policía Local de Cedeira, nestes 12 quilómetros de vía perderon a vida cinco persoas en accidentes de tráfico ocorridos nunha década.

O último sinistro mortal produciuse a fin de semana. Sucedeu no lugar de Virizo e a uns 300 metros de alí, dous días despois, un coche saíuse da vía e encaixouse nun xardín, e a condutora tivo que ser atendida no Hospital Arquitecto Marcide. Ao parecer, un mareo foi a causa deste contratempo. «Neste caso foi unha coincidencia, pero nesta estrada houbo varios accidentes graves. Hai tres carrís en varios tramos e a xente circula rápido... Como quedamos afastados de todo, non hai tanta vixilancia [por parte da Garda Civil de Tráfico, o corpo con competencias nesta vía] como preto das cidades, onde teñen moitos máis controis», apunta Alberto Díaz, oficial xefe da Policía Local.

A pesar de situarse fose do centro urbano e, xa que logo, da súa área de influencia, os axentes municipais adoitan acudir cando reciben o aviso dun sinistro. «Ás veces está ocupada a patrulla de Tráfico e imos botar unha man, polo menos ata que chega», indica. «É unha estrada sen un volume circulatorio alto, pero cando se detectan accidentes si que poden existir condicións de risco. De feito, é unha das estradas principais da demarcación e préstaselle atención, procuramos facer o máximo posible cos medios que temos», recoñecen fontes da Garda Civil de Tráfico.

Na Carballa, os veciños admiten a súa inquietude. «Este é ou núcleo máis grande, aínda vese movemento. Vos coches pasan a moita velocidade e é moi perigoso, porque hai un grupo de casas, xente anciá que anda por aí, unha tenda e a capela [con misa todos vos sábados], e queda xusto despois dun cambio de rasante», describe Cándido Breijo, socio do colectivo veciñal de Montoxo. Fai tres meses que entregaron as 200 firmas solicitadas para solicitar que cambien o sinal que limita a velocidade neste punto a 70 quilómetros por hora por unha de 50. «Xa era a que había ata hai catro anos, cando puxeron esta», comenta Breijo.

A asociación entregou as rúbricas no Concello, que se encargou de remitilas á Consellería de Infraestruturas. «E a petición veu denegada, a de baixar a velocidade e a de pintar un paso de peóns», confirmou o alcalde, Pablo Moreda. O goberno local apoiou e segue apoiando a petición veciñal. «Cando sae a xente dá igrexa, persoas maiores, se que dá respecto», apunta outro residente. E a Policía Local e Tráfico insisten en que hai que respectar os límites de velocidade.