Os equipos de base do Cedeira enfrontaranse ao Miami Cup

La Voz FERROL

CEDEIRA

O campus desenvolverase este mes

13 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cedeira albergará este mes un campionato de fútbol entre os equipos de base do club local e os grupos correspondentes do Wsf All Star Miami Cup. Nuns días o municipio pesqueiro recibirá a un centenar de deportistas estadounidenses, uns sesenta menores xogadores das categorías alevíns, cadete e xuvenil, acompañados dos seus adestradores, para gozar dun campus.

Os encontros disputaranse o día 24 deste mes, domingo, a parir das dez da mañá. A competición terá lugar no campo municipal O Beco e estes partidos formarán parte dunhas xornadas formativas que se desenvolverán esa mesma semana, o venres e o sábado anterior, nas que colabora a Deputación provincial e o Concello.

Desde a organización explican que esta será a segunda vez na que a vila acollerá un amigable internacional, xornadas que se promoven para favorecer o intercambio deportivo e fomentar a creación de vínculos entre ambas as comunidades.

Viaxe á inversa

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, avanzou a intención de que os mozos cedeirenses poidan gozar tamén da viaxe á inversa de cara ao 2020 para que os xogadores locais poidan tamén tomar contacto con outra cultura deportiva.