O Ministerio de Transición Ecolóxica licita o proxecto construtivo e o estudo ambiental da praia de Cedeira

LA VOZ CEDEIRA

CEDEIRA

ANXO MANSO

O orzamento supera os 100.000 euros e o Concello agradece que o Goberno central e Costas de Galicia cumpran o compromiso adquirido no seu día

09 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Ministerio de Transición Ecolóxica sacou a concurso a redacción do proxecto construtivo e do estudo de avaliación ambiental da praia da Magdalena, en Cedeira. «Os seus resultados dirannos a orixe do problema, para así tamén poder darlle a solución que demanda», subliña o alcalde, Pablo Moreda. A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar licitou o contrato, por máis de 100.000 euros; o prazo de execución é de 12 meses e o prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 26 de febreiro.

O executivo cedeirense destaca o importante investimento «e o cumprimento», por parte do Ministerio e a Demarcación de Costas de Galicia, do compromiso adquirido no seu día. E cualifica a noticia de «moi importante» para Cedeira, para a plataforma en defensa da ría, as formacións políticas (PSOE, BNG, Anova e Cedeira pola Esquerda) e os veciños que apoiaron a postura municipal.

Moreda incide en que a conservación do areal «é prioritaria desde o inicio do mandato [...]. A denuncia de actuacións pouco respectuosas co medio ambiente, así como a realización do proxecto construtivo e do estudo de avaliación ambiental, forman parte da política levada a cabo a través dun longo proceso de reunións e escritos entre administracións». «Hoxe é un bo día, para estar contentos e esperanzados», conclúe o mandatario local.

Un areal «para toda a vida»

Desde o executivo cedeirense recalcan que, desde un principio, trataron de abordar os problemas do areal «dunha maneira global e definitiva». Todo, subliñan, para «garantir unha praia para toda a vida».