O taxista que che acompaña ao médico

ana f. cuba CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSE PARDO

Ademais de levar aos pasaxeiros ao destino solicitado, no rural entran con elas á consulta ou ao supermercado, e indícanlles mesmo como tomar os medicamentos

05 ene 2019 . Actualizado ás 22:35 h.

Hai taxistas que che recollen á porta de casa e condúcenche ao lugar de destino, e durante a carreira danche conversación ou gardan silencio. E hai taxistas que, ademais, acompañan aos seus clientes á consulta do médico, acoden á farmacia coas receitas para retirar os medicamentos, axúdanlles a facer a compra e dan o seu número no hospital para que lles avisen da data da próxima revisión, por se eles se despistan ou non oen o teléfono.

A. C.

«Na maioría das veces é gratificante, dá gusto axudar; o custe é o mesmo, aínda que hai tarifa de espera estipulada, pero non se soe cobrar porque sería abusivo e porque, en moitos casos, ves as posibilidades económicas da xente, con pensións mínimas», indica Alberte Couto, profesional do sector en Cedeira, onde naceu hai 42 anos. «Non ten nada que ver coas cidades -recalca-, aquí o trato é moito máis persoal e créase amizade, a xente acostúmase ao taxista. Aquí facemos de todo, recados e ata mudanzas».

O seu servizo resulta básico nas aldeas máis apartadas e mesmo en poboacións como Cedeira, «sen apenas transporte público e con horarios malísimos». As súas viaxes adoitan ser aos hospitais, a Ferrol e á Coruña; ao centro de saúde, «por analíticas, Sintrom...»; e en vacacións, «tamén ao aeroporto». O seu pai exerceu o oficio durante máis de tres décadas. «Daquela había moito máis traballo», subliña Couto.

I. F.

«A maioría é xente maior»

A José Vicente Breijo, cedeirense de 46 anos e veciño da Barqueira (Cerdido), empurrouno a crise cara ao taxi: «Traballei nunha gasolineira, de camioneiro, na fábrica de eólicos das Somozas... De taxista levo catro anos». Está contento, aínda que recoñece que «podería haber máis traballo». A clientela é fiel. «A maioría é xente maior, chámante para ir ao médico, ao hospital ou ao centro de saúde. Moitos viven solos, entro á consulta con case todos e xa me encargo de coller a vez. Dou o meu móbil para que non se molesten e non estean pendentes», relata. «A espera non se cobra, hai quen cho agradece... Axudas á xente, moitos con problemas de mobilidade, pola idade; sábesllela vida», engade. A pesar do seu aínda curta traxectoria no sector, Breijo xa percibiu cambios na súa actividade cotiá, sobre todo a fin de semana: «Cando empecei tiña bastante xente nova de noite, pero agora non, van sacando o carné».

I. F.

Tempos de pesca e discoteca

María Jesús Soto (Espasante, 41 anos) renunciou hai tempo á quenda de noite, salvo para atender casos de urxencia. «O traballo concéntrase de luns a venres polas mañás, polas tardes estou operativa pero non veño [á parada de Ortigueira]», conta «a filla de Callobre», como a coñecen na zona. O seu pai, Jesús Soto, deixou a mercante con pouco máis de 30 anos para dedicarse ao taxi, ata os 60, cando faleceu. Anos máis tarde, fai nove, a súa filla tomou a vez: «Tiña a licenza, só tiven que comprar o coche». Lembra as gardas en casa dos seus pais cando recalaban os pesqueiros no porto de Espasante tras a marea. «Como non había móbiles, tiña que estar sempre alguén pendente do teléfono fixo». Aquelas escenas xa son historia, igual que as horas de espera diante da discoteca A Perla, os sábados pola noite. «Ten ir mesmo a Francia a levar a unha señora de Ortigueira de viaxe», evoca María Jesús.

A ela ocórrelle o mesmo que aos seus compañeiros: «O máis común é ir ao Marcide [Ferrol] con xente maior e ao centro de saúde, se é xente das aldeas sen liña de bus. E cando os deixas en casa de volta poslles nas caixas de medicamentos ‘una cada oito horas'. Moitos están sos ou son matrimonios maiores sen familiares preto e acabas sabendo a súa vida, es a súa man dereita. ‘Se non estás ti non me acostumo a ir á compra', dinche».

«A maioría cho gratifican»

No teléfono leva fotos do cartón sanitario dalgún cliente para poder recoller medicamentos na farmacia. Comenta que a un compañeiro o chama periodicamente unha señora para darlle a lista da compra e así evita desprazarse ao supermercado. «Cobras a carreira; os servizos a maiores, non; algún cre que é a túa obrigación, pero a maioría cho gratifica ben». María Jesús traballa cunha aseguradora, na asistencia na estrada, por toda España. Os maquinistas do vello Feve e os pasaxeiros que quedan en terra polas frecuentes avarías do tren tamén requiren os servizos dos taxistas.

«Non te minas, vas vivindo»

Pablo Couce (San Sadurniño, 52 anos) incorporouse ao colectivo en agosto: «Era comercial, pero coa crise botaron a moita xente. Xubilouse Carlos, de Lamas, e compreille a licenza». O traballo gústalle: «Estou contento, é entretido; debería haber máis viaxes polas tardes e as fins de semana... As mañás son de máis actividade, aos médicos e ao banco a cobrar a pensión. Non é para minarse, pero vas vivindo». Operan sen taxímetro. «A maioría das carreiras son de dez ou quince euros», sinala. Sen propínalas. «Prefiro isto á cidade -subliña desde Taxi Sansa-, aínda que alí teñan garantidos máis servizos».