Cedeira verifica o bo estado de conservación da sauna castrexa

a. f. c. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSE PARDO

O labor de consolidación finalizou e segue a escavación

08 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A escavación da sauna castrexa do Campo do Castro, na Punta do Sarridal, permitiu constatar o bo estado de conservación do monumento, un dos cinco achados en Galicia. O Concello de Cedeira financia esta cuarta intervención, en marcha ata o día 20. Os traballos de restauración e consolidación finalizou, cun equipo de tres persoas, e a escavación dirixida por Emilio Ramil, na que participan outro arqueólogo e catro auxiliares, continúa.

«En conxunto, o resultado é espectacular, porque se conserva a sauna enteira, con todos os elementos, e en moi bo estado», recalca Ramil. «Esta vez tratábase de consolidar os muros da antecámara, a porta de acceso e o banco onde se relaxaban despois do baño de vapor. E tamén a porta do forno, coas bocas de alimentación, unha por onde metían a madeira para queimar, e outra orientada á piscina, onde botaban a auga fría para producir o vapor», detalla. A sorpresa chegou ao descubrir que entre a cámara e a antecámara, onde se sitúa o monólito de pedra, «xusto antes, hai un sistema de muros que forman unha falsa bóveda, polo que habería un dobre arco, o da parte baixa do monólito e o construtivo, por aproximación de fiadas de mampostería. Non o esperabamos, sería un reforzo para evitar a saída do vapor», explica. Mentres, seguen escavando «entre o paramento interno da muralla e o exterior do monumento con forno, para deixar á vista a porta de acceso á zona de alimentación». E xa albiscan outras estruturas, como un edificio cuxa funcionalidade aínda ignoran, e un muro máis pequeno con pavimento, da primeira fase de ocupación do castro.