O lubrigante «manostijeras», unha peza única no Museo Mares de Cedeira

A. F. Cuba CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Cesar Toimil

Ten dúas pinzas para cortar, cando adoitan contar cunha deste tipo e outra para agarrar

07 mares 2018 . Actualizado ás 12:52 h.

Mero do Coroa, mariñeiro, pescou un lubrigante de preto de tres quilos, e o tamén cedeirense Ricardo Riola, fresquero, fíxose con el na rula local. Ata aquí, nada raro. Pero este comprador veterano non tardou en darse conta dunha aparente anomalía neste exemplar de crustáceo decápodo. «Chamou e dixo ‘teño aquí un bicho espectacular, que ten dúas pinzas de cortar, nunca tal vin, todos teñen unha de cortar e outra para agarrar, se o queredes regálovolo’», conta José Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, un dos artífices do Museo Mares de Cedeira , inaugurado en xullo do 2016 e integrado, desde maio do 2017, na rede museística da Xunta, como colección visitable. No almacén do museo, situado na planta baixa da confraría, o disecaron, e agora exponse na sala de malacología.

Os visitantes poden comprobar que as dúas quelas (apéndice con forma de pinza) teñen a mesma forma, como o fío dunha tesoira aserrada. «Riola chamou a un amigo, que é o maior importador de lumbrigantes de España, e confirmoulle que non tiña ningunha referencia de ningún máis así», remarca Jose de Vigo, orgulloso de contar con esta xoia. O lubrigante posúe cinco pares de patas. «O primeiro é moito máis grande e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas desiguais; unha, claramente maior, case sempre á esquerda, úsaa para suxeitar as presas, e a menor, cos dentes máis agudos e aserrados, para esgazala en anacos», explica. Todos, salvo o lubrigante manostijeras do Museo Mares de Cedeira.