Cedeira recupera ao fin a estación de buses, que será centro de lecer xuvenil

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSÉ PARDO

O Concello dedicará máis de 25.000 euros a acondicionar e equipar este espazo

07 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O edificio da estación de autobuses de Cedeira, que leva anos abandonado, converterase en breve nun centro de lecer xuvenil. O Concello conseguiu ao fin a reversión do inmoble por parte da Dirección Xeral de , Mobilidadeun proceso que era automático, ao non esgotarse o prazo de 30 anos desde que se formalizou a cesión, pero cuxa tramitación se demorou. «Non existe inconveniente en que o Concello utilice o ben para ese destino, sempre e cando quede garantido o mantemento do espazo do punto de parada de autobuses actual», segundo precisan desde Patrimonio.

«Estamos cos trámites para cederlles o aparcamento e contamos que o novo centro estea en funcionamento no verán», avanzou o alcalde, Pablo Moreda. O proxecto redactouse hai meses, cun custo de 25.000 euros, que agora podería incrementarse «porque hai que repoñer unha porta que rompeu», explica. O Concello acondicionará e equipará o local, que contará con sala de billar e futbolíns, pantallas de televisión «e distintas zonas de xogo, buscando un equilibrio entre distintas idades».

O centro está pensado para mozos de 12 a 18 anos e abrirá as fins de semana e os festivos, e as tardes dos días lectivos, aínda que o horario está por determinar. «A necesidade converteuse en demanda porque non hai oferta noutro lugar. Teremos que contratar unha persoa para que o xestione», abunda Moreda.