O percebe ortegano faise de rogar

Ana F. Cuba CARIÑO

CARIÑO

ANGEL MANSO

As malas condicións do mar e a escaseza de crustáceos sementa dúbidas entre os profesionais de Cedeira e Cariño sobre os resultados da campaña do Nadal

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O ano foi bo, se se compara con 2018, para os percebeiros das confrarías de Cedeira, un centenar, e Cariño, unha vintena. Pero as malas condicións do mar das últimas semanas, as aínda imprecisas previsións para os próximos días e a escaseza de percebe nalgunhas das pedras máis ricas da zona sementan dúbidas entre os profesionais de ambos os depósitos sobre a campaña do Nadal, relevante, a pesar da brevidade, polas altas cotizacións que adoita acadar.

«O forte é antes de Noiteboa, os dous ou tres días previos, pero o ano pasado non valeron moito, vendéronse mellor no verán», apunta José Carlos Pardo Galdo, percebeiro e ex patrón maior da confraría de Cariño. «O máis importante é o verán -coincide Tomás Area, profesional de Cedeira-; o Nadal é inverno e nunca sabes, iso si, se levas tempo sen gañar e tes catro días bos... Xa os teño vendido a 296 euros o quilo, e un compañeiro a 304. Pero eu, cando pasa setembro xa non conto con nada máis ata maio, todo o que vén é para pagar a Seguridade Social, e a coller do hórreo o menos posible». Area advirte un problema engadido este Nadal, posto que o 24 cae en martes, sen apenas marxe para a venda, mesmo se a meteoroloxía é favorable. «A Xunta deberíannos deixar ir a fin de semana, aínda que despois non nolo permitiran medio mes en xaneiro. En Asturias, danlles permiso para ir o sábado e o domingo», explica este percebeiro cedeirense. Pero se algo lles preocupa é a escaseza de percebe. «Abrimos os Aguillóns o 15 de novembro, pero case non fomos porque é pequeno, de talla comercial non hai. Algo pasa, é un problema xeneralizado, non se se por culpa do cambio climático -sinala Pardo Galdo-. Aquí están a aparecer especies que nunca viramos antes, como o peixe globo». «Non hai percebe -corrobora Area-, somos moitos e a zona é moi pequena. Había que xuntar a costa [...], que todos tiveramos cabeza e non saturar o mercado».

Facturación lonxa de Cedeira

Foi de 1.144.077 euros. No que vai de ano poxáronse case 3.000 quilos menos que no mesmo período de 2018. A facturación polo percebe representa o 20 % do global da rula cedeirense, que ascende a 5.662.347 euros.

Facturación lonxa de Cariño

Foi de 292.153 euros. Este ano vendéronse 1.100 quilos máis que entre o 1 de xaneiro e o 6 de decembro de 2018. O percebe supuxo neste período o 14 % da facturación total da rula cariñesa, que chega a 2.075.308 euros.