Este é o mes das «caliveiras»

CARIÑO

matalobos

Acabou outubro e pasaron Santos e Defuntos. Este é o mes das caliveiras, dos espectros outonais. É o tempo da humidade das almas, e mentres tanto os sicarios da propagación do medo fanse de ouro

10 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A caliveiras.cabou outubro e pasaron Santos e Defuntos. Este é o mes das , dos espectros outonais. É o tempo da humidade das almas, e mentres tanto os sicarios da propagación do medo fanse de ouro. Lembrades, compañeiros, as columnas de fume que ascendían cara ao ceo nas tardes de outubro? Moitos anos antes de que se regulasen, nós comprendiamos cando se podía e cando non queimar os restrollos nas fincas. Tamén coincidía co tempo de levar os porcos aos soutos, para que comesen landras e castañas, ciscadas entre as follas dos carballos e castiñeiros. E cando empezabamos a sentir os suaves pasos do crepúsculo, pouco antes de que as criaturas da noite se levantasen e se vestisen para saír dos tobos, entón nós volviamos para as nosas casas. Aveciñábase os días de afiar as buxainas para tiralas no camiño na festa do San Martiño, día no que lle mercabamos as rosquillas e as castañas cocidas á señora Asunción. Tamén presentiamos que estaban acercándose as matanzas, aquelas divertidas festas comunitarias que agora xa non figuran na orde do día.

Chove. «Chove para que eu soñe», dicía Novoneyra. Hai abundantes signos que falan de que andamos no ecuador do outono e fan que remova o vello limo da memoria. Recordo cando iamos á escola en pantalón curto no inverno. Entón eramos un pouco rabudos. Naqueles días escoitabamos case a cotío esta frase: «Pasas máis fame cá chaqueta dun mestre». En cambio entre os nosos avós e pais, a figura do mestre era non só respectable e aprezada, senón admirable, venerable. Entre outras cousas representaba unha especie de autoridade case espiritual, pois non era imposta, senón recoñecida, unha calidade da que hoxe en día están desposuídos os ensinantes, cuestionados por case todos. Naquela época o termo autoridade tiña un significado moi distinto que arestora, que está ateigado de ideoloxía. Se daquela ser mestre tiña unha connotación de ser pobre, nada tiña de autoritario, senón que se consideraba un oficio nobre, e era enaltecido entre nós.

Os días son moi curtos tralo cambio de hora. A media tarde xa hai que acender as luces. Como sabedes, queridos veciños, segundo a nosa tradición, a primeira cousa que Deus creou foi a luz. De acordo co relato cristián-católico, a historia da Xénese admite a milagre da transformación do visible no existente. A nosa historia conta que no momento no que a xente renunciou ao nomadismo e se fixo sedentaria, nese intre naceu o que máis tarde se denominou civilización. Cariño, acórdaste dos tuaregs que vimos no deserto de Túnez? Ían dun sitio para outro levando as jaimas e demais enseres nos lombos dos dromedarios e camelos. Non parecían uns incivilizados, pero si os restos andantes da indómita estirpe dos nosos ancestros. E, meus compas, lembrades como nos consideraban a nós as lendas urbanas cando eramos uns rapaces? Talvez nos trataban de brutos e incivilizados? Nós viviamos en territorios agrestes, un pouco salvaxes, por iso sabiamos o que non os rapaces das cidades: que os paxaros de noite inflan as plumas para non pasar frío!

No camposanto reinaba a doce paz do atardecer. Mentres observaba os movementos da pequena lavandeira amais do muro, pregunteime: Acadaremos algunha vez a paz duradeira? «Non», respondeume esoutro que sempre vai comigo. E engadiu: «A paz somentes chegará así: deixade que os mortos enterren os mortos, deixade que os mortos celebran os mortos e que deste modo os vivos encontren os vivos». Baixei despois á beira do mar e metín as mans na auga salgada. De súpeto, tiven gañas de facer bailar unha pedra sobre o espello do mar. Collín un cacho de tella, semellante a aquelas coas que xogabamos á estrícula coas nosas rapazas (lembrádesvos das nosas compañeiras de xogos?), entón cando a tella deu tres brincos seguidos, experimentei un enorme xúbilo e alegría.