Natalidade en caída libre na zona

A. F. C. FERROL / LA VOZ

CARIÑO

cesar toimil

Mañón súmase a Neda, Monfero, Cariño e Ortigueira, con axudas para tratar de fomentar a natalidade e frear o despoboamento, e Pontedeume farao en breve

05 novs 2023 . Actualizado ás 14:02 h.

A caída demográfica e o envellecemento da poboación ameazan o futuro da comarca. A natalidade derrúbase desde hai anos e os concellos asumen a perda de habitantes como unha das súas maiores preocupacións, «a principal», en opinión do alcalde de Neda, Ángel Alvariño (PSOE). Este é un dos concellos da zona que trata de incentivar os nacementos con axudas económicas, neste caso cun premio de 300 euros por bebé. «Parece que algún efecto ten, no orzamento de 2018 consignamos 5.000 euros e ao final gastamos 10.000, e no de 2019 prevemos incrementar a contía por amais de 10.000», avanza.

Pero Alvariño é consciente de que os servizos en prol da conciliación da vida familiar e laboral «son unha das claves para gañar veciños». Destaca a posta en marcha da escola infantil, «con demanda crecente», e outras iniciativas dirixidas aos maiores, como a ampliación da axuda a domicilio ás tardes de sábados, domingos e festivos. O mandatario da Capela, Manuel Meizoso (PSOE), coincide en apuntar o declive demográfico «como ou máximo problema». «A este ritmo -vaticina-, perdendo cada ano de 20 a 25 persoas, para un concello de 1.200, á volta de oito ou dez anos estaremos por debaixo dos mil».

Como combater este fenómeno? Para Meizoso, a solución pasa por un cambio de políticas a nivel estatal e autonómico. «Que pode facer un concello pequeno? O que fan falla son contratos de traballo estables», expón. E alerta do impacto da cada vez máis tardía incorporación ao mundo laboral e da precariedade nas pensións: «Xa case ningunha muller é nai antes dos 35 anos [...]. Cando ese neno empece a cotizar xa é para a xubilación da nai». O Concello da Capela cedeu un local para a apertura dunha casa niño. «É unha iniciativa privada, que conta con axudas da Xunta», conta.

Mañón sumouse este ano ao grupo de municipios con incentivos á natalidade. No orzamento do 2019 aprobouse unha achega de 100 euros ao mes, durante un ano, por cada bebé. «É un xeito de animar a ter fillos, veremos o efecto que ten», apunta o rexedor, Alfonso Balseiro (PP). Pontedeume prevé incorporar ás contas deste exercicio unha partida para fomentar a natalidade. Monfero leva tempo facéndoo, con 150 euros por neno; Cariño empezou no 2018, con 350; e Ortigueira dispón de 6.000 euros para este fin.