O Camiño Inglés consolídase e crece a un ritmo maior que as demais rutas

Susana Luaña Louzao
SUSANA LUAÑA SANTIAGO / LA VOZ

CABANAS

ALVARO BALLESTEROS

O itinerario salpica a provincia de patrimonio, paisaxe e unha historia por descubrir

12 novs 2018 . Actualizado ás 10:43 h.

Todos os camiños van dar a Santiago, pero o máis amable para o peregrino, o que conxuga os atractivos marítimos cos rurais e o que invita a coñecer unha historia secular aínda por descubrir percorre a provincia da Coruña. É o itinerario coruñés por antonomasia, pero é tamén o camiño que elixían os nórdicos na Idade Media para render tributo ao Apóstolo. E é o que máis crece, porque nun ano, o 2018, que marcará unha nova marca no conxunto das rutas xacobeas, o incremento da que parte de ultramar supón unha promesa cargada de esperanza para os 18 concellos unidos na renovada Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que parte en terras galegas dos portos da Coruña e Ferrol -onde se recibe aos peregrinos que chegan por mar- e esténdese ata Santiago pasando por Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Culleredo, Cambre, Carral, Ordes e Oroso.

Nos dez primeiros meses do ano recibiron a compostela en Santiago 317.170 peregrinos, cifra ata agora nunca acadada nas estatísticas oficiais. Supón, nese período, un crecemento do 9 % con respecto ao 2017. Pero se a lupa se centra no Camiño Inglés, o aumento é dun 24,7 %: de 11.003 camiñantes nos dez meses do 2017 a 13.725 no mesmo período do 2018. E non é un dato illado, é unha progresión que se mantén desde que as administracións se tomaron en serio a súa promoción e desde que descubriron que, ademais do seu interese como ruta cultural e relixiosa, era tamén un potencial económico para os seus concellos.

Os atractivos son moitos; é unha ruta amable e doado de cubrir porque supón percorrer 73 quilómetros desde A Coruña e 112,5 desde Ferrol. É, ademais, un itinerario que combina o azul do mar co verde do interior e que conta cun vasto patrimonio que vai do conxunto monumental de Pontedeume á abundancia pétrea de Betanzos ou a riqueza natural de Oroso. Pero é, ademais, unha moi interesante opción para evitar as aglomeracións das rutas máis manidas.

Nesas boas cifras ten moito que ver a alianza construída á marxe de intereses políticos entre o Xacobeo e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, personificada no xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, coa inestimable colaboración da Deputación da Coruña e do seu responsable de Economía e Facenda, Antonio Leira.

Sánchez Bargiela cre que o éxito se debe «á colaboración de todos os organismos implicados», e destaca o investimento de máis dun millón de euros na sinalización do Camiño Inglés como punto de partida dunha serie de iniciativas que se van incluír no plan estratéxico do próximo Xacobeo, no 2021, en estreita colaboración cos concellos implicados, «porque que se reactivou a asociación supón ter un interlocutor, e iso facilitará as cousas», recoñeceu.

Que o itinerario vertebre a provincia da Coruña é razón suficiente para que a Deputación se involucrase, pero nese compromiso ten, ademais, un peso específico que Antonio Leira proceda da corporación municipal de Oroso. No entanto, nese crecemento, el destaca o labor que fixo a Deputación coa promoción da ruta nas súas orixes, en Escocia. «Creo que esa colaboración está dando os seus froitos porque empezamos a notar a afluencia de persoas que se interesaron pola ruta grazas a eses contactos».

E por suposto, Manuel Mirás, alcalde de Oroso, que nunca dubidou do potencial económico do camiño: «É unha industria que temos que coidar e que xera moitos postos de traballo». E el, sen dúbida, conséntea, porque ademais, «para Oroso é un diamante en bruto».