Arrinca a caravana veciñal das Pontes cara ao Congreso

María Meizoso AS PONTES

AS PONTES

César Toimil

Os piquetes informativos concéntranse desde as seis da mañá mentres a vila vive unha folga xeral por solucións para a térmica

16 oct 2019 . Actualizado ás 10:52 h.

Tranquilidade na primeiras horas da folga xeral que se vive hoxe nas Pontes. Os piquetes informativos mantéñense desde as seis da mañá na coñecida como a rotonda dos patos por ser ese o punto de entrada dos traballadores que se están realizando a transformación da central térmica. Tamén controlaron a actividade nos polígonos e en empresas de transporte. O que destacan é a parálise total do pobo desde primeiras horas.

Despois de semanas de preparativos, os camioneiros que se ocupan de trasladar o carbón desde o porto exterior ferrolán ata a central pontesa foron os primeiros,onte, en pórse en ruta cara a Madrid. Uns 130 partiron sobre as tres e media da tarde da Casilla e agardarán, hoxe, en Villalpando, á caravana de veciños que iniciaron a súa viaxe ás nove da mañá desde a estación de autobuses pontesa. Da vila saíron once autobuses, pero en total serán 20 posto que tamén chegarán á capital desde Carboeiras, Cubillos e Andorra.

A mobilización, ás catro da tarde, seguirá ante o Congreso dos Deputados.

Nos minutos antes da súa saída, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, mostrouse satisfeito «pola masiva participación dos veciños». Hoxe en Madrid «solicitaremos ser o foco de atención da acción do Congreso durante os próximos meses». González insistiu en que «non pode haber unha intransición inxusta, así que isto hai que resolvelo coa implicación das diferentes administracións».

Sobre as medidas de compensación anunciadas por Endesa , o rexedor socialista sinalou que «é unha gran mentira» porque «a empresa quere pechar a central e sustituila por algo que non é un regalo como son os parques eólicos. Haberá algún en As Pontes, pero o resto estarán fóra co cal a compensación será para toda Galicia e o precisamos ahora é que se fale desta vila e da súa contorna», concluíu.