A familia de Sabela («OT»): «Foi emocionante vea tan feliz»

AS PONTES

OT

A galega contou no estudio co apoio da súa nai, mentres o seu noivo seguiuna desde un hotel próximo

13 dic 2018 . Actualizado ás 13:08 h.

Sabela Ramil contou no estudio de Operación Triunfo, no momento máis relevante da edición, co apoio máis importante: a súa familia. A representante, do mesmo xeito que cando estivera nomeada, foi a súa nai, Mari Carmen Rivera, que non deixou de abrazala mentres estivo ao seu lado. «Pásanse moitos nervios, pero non dos malos. Estabamos os familiares de todos os concursantes xuntos e había moita tensión, porque ningún quería que o noso fora o que pasara un mal trago. Sempre queremos o mellor para os nosos fillos», expresa a pontesa a La Voz antes de voar de volta a Galicia.

Para Mari Carmen foi unha noite «moi especial» porque tiña «moitas ganas de darlle unha aperta». «Foi emocionante poder vela tan feliz neste momento do concurso. Agora na final seguro que vai ir a por todas, pero xa está todo feito», valora a nai, que quere «dar as grazas desde a familia a todos os que votaron para que estea onde está». «Queremos que gocen da súa voz durante moito tempo», engade.

Ata Barcelona tamén viaxou o noivo de Sabela, Jesús Cañizares, que se trasladou polo si ou polo non saía. Afortunadamente, ata a semana que vén non terá que acompañala na viaxe cara ás Pontes. «Estou moi contento, é un orgullo para todos que lle saíu tan ben. Claro que confiabamos nas súas posibilidades», valora o futbolista, que notou como a galega «lle gusta cada vez a máis xente e segue sumando respaldos».

OT

Na gala final, «non ten nada que perder», polo que «faga o que faga, quedará nunha boa posición», di o noivo. O único pero deste mércores na súa opinión foi a luz vermella do escenario, aínda que «a súa voz se escoitaba potente e á perfección, con moito sentimento», conclúe Jesús, que seguiu a actuación el só no hotel. 

Ademais, onte á noite tamén houbo felicitación do Concello das Pontes a través das redes sociais: «Pase o que pase coas votacións, Galicia non pode ter unha mellor embaixadora en Operación Triunfo. A nós, Sabeliña, xa nos gañaches por sempre o corazón. Graciñas!».