As Pontes estrea o seu novo circuíto cunha proba de slálom

Á. Alonso AS PONTES

AS PONTES

DIEGO ESTÉVEZ

Os bólidos do campionato galego pisarán este sábado por primeira vez un trazado ideado para o karting

29 sep 2017 . Actualizado ás 01:30 h.

As imaxes aéreas falan por se soas. O novo circuíto das Pontes, que levaba máis dun lustro forxándose, xa está listo para recibir aos bólidos. O trazado, aínda que ideado para o karting, estrearase este sábado, durante toda a xornada, coa quinta proba do Campionato Galego de slálom, que precisamente lideran neste momento dous ponteses, Pablo Catro e Francisco Pico, que se disputarán o título autonómico nas tres citas que quedan. En total, contando con eles e os coches cero e dobre cero, estarán en liza un total de corenta vehículos, entre os que tamén destaca o local Adrián Bouza, campión galego na campaña anterior e que esta tempada non participou.

A escuadra Automóbil Club As Pontes (ACAP), que retomou a súa actividade o ano pasado despois de dúas décadas de inactividade, é a organizadora desta proba. «Levamos moitos tempo pelexando por ver o circuíto rematado», comenta Emilio Ledo, secretario da entidade. A construción da pista, cuxa superficie supera os 50.000 metros cadrados, arrincou en maio do 2013 e finalmente adxudicouse por 388.000 euros. Deseñado por unha empresa especializada neste tipo de trazados, co paso dos meses converterase nun punto de referencia a nivel autonómico e, máis pronto que tarde, no ámbito nacional. «Está moi ben deseñado, é moi bonito e moi vistoso, pola combinación que ten de zonas rápidas e lentas. Creo que non me equivoco se digo que é un dos mellores a nivel nacional», resalta Emilio.

O sábado entregaranse 1.000 euros en premios nunha proba que dará inicio ás 11.00 horas, coa primeira manga de adestramentos. A segunda sesión previa comezará ás 14.30 horas e xusto a continuación darase o pistoletazo de saída ás dúas mangas oficiais.

Máis aló deste compromiso de slálom, hai programada outra cita: o vindeiro sábado 14 de outubro é a quenda do Campionato Galego de karting, que pechará a tempada no circuíto pontés. O deporte dos pequenos monoplazas é para o que foi creada a pista e pronto se porá a funcionar unha escola que agarda crecer rapidamente pola demanda existente na comarca. Algúns como o naronés Álex Cagiao, dobre campión galego, agárdano con entusiasmo.