Unha pontesa con corazón escocés

Fai sete anos aterrou no país do whisky e as gaitas para estudar un máster en Cine Europeo na University of Glasgow, onde agora traballa


as pontes/ a voz

O seu billete era de ida e volta, pero decidiu quedar. Por varias razóns. Entre elas, por ter conseguido aproveitar as oportunidades que un país como Escocia ofrece a unha moza que desembarca na cidade de Glasgow para cursar un máster en Cine Europeo. Alí aterrou, fai sete anos, Sandra Dopico (As Pontes, 1987), tras finalizar os seus estudos de Comunicación Audiovisual. E a institución que no seu día a acolleu para realizar ese curso -e un posterior de Patrimonio e Estudos Museísticos- é agora o seu centro de traballo. «Coñecía o país porque xa estivera por alí en catro ocasións anteriores e gustábame a idea de ir, era a miña primeira opción». E conseguiuno, aínda que recoñece que, de non ser alí, sería en calquera outra cidade do mundo porque tiña claro que «quería ter esa experiencia, sempre me gustou viaxar e coñecer outras culturas. A miña intención era ser máis que unha simple turista».

Das súas primeiras clases recorda que «eran moi participativas, tiñamos que preparar os temas na casa e despois os traballábamos en cada sesión». E dos seus primeiros meses de residente na cidade, «a convivencia cos meus compañeiros de piso. Eramos sete na casa, de países como Canadá, Malasia ou Finlandia. Aínda conservo varias desas amizades e iso é moi gratificante», relata.

Durante os seus dous primeiros anos en Escocia, Dopico aproveitou o tempo. Non só para completar os dous másteres que atesoura, senón tamén para traballar en varios proxectos educativos e de novas tecnoloxías en institucións como o Gallery of Modern Art, os oito recintos que integran os Glasgow Museums ou o New Lanark, a pequena aldea na que o socialista Robert Owen asentou unha comunidade obreira e que na actualidade está recoñecida como Patrimonio da Humanidade. Unha etapa que a moza define como «moi intensa, sen moito tempo libre, pero que me permitiu coñecer un sector que para min nese momento era novo e que me abriu novas oportunidades». Como, por exemplo, a que seguiu, a continuación, no Palacio de Holyroodhouse, residencia oficial da raíña Isabel II en Escocia.

Presente

Desde xuño do 2015, a moza pontesa traballa no departamento de Administración e Comunicación da University of Glasgow, unha institución que, conta, «está en pleno proceso de crecemento, con moitos cambios e con perspectivas de expansión, así que o horizonte parece esperanzador». Alí ve «oportunidades de seguir medrando e iso motiva porque non é un traballo estanco, podes seguir ascendendo». E farao coa dobre nacionalidade xa nas súas mans e no medio dun Brexit que «non esperaba, sorprendeume».

Así, a pesar de que tras sete anos en Escocia, explica que «aínda non me acostumei a que en inverno ás tres da tarde sexa xa de noite» recoñece que «me sinto totalmente integrada. Só cambiaría poder vir máis á miña casa de Espiñaredo, ter mellores comunicacións para estar coa familia e non ter esa sensación de que perdes o día a día». Entón, ¿exponse volver? Aínda que non pecha a porta, admite que «sendo realista, é moi complicado». Por agora, o billete de volta Glasgow-As Pontes continúa estando no aire.

Formación

É licenciada en Comunicación Audiovisual pola USC, unha formación que completou cun máster en Cine Europeo e outro de Estudos Museísticos.

Actividade profesional

Traballa na área de Administración e Comunicación da University of Glasgow.

Votacin
16 votos
Comentarios

Unha pontesa con corazón escocés