O colexio A Laxe de Valón limpa a praia de Doniños

FERROL

CEDIDA

Unha actividade enmarcada no programa Voz Natura

15 oct 2021 . Actualizado ás 19:22 h.

O CEIP A Laxe, de Valón, levou a cabo onte unha actividade que forma parte das que se comprometeu a realizar durante este curso dentro do programa Voz Natura de educación ambiental, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Ao redor de 65 alumnos do centro, acompañados dos seus profesores participaron na mañá do venres na limpeza da praia de Doniños co obxectivo de concienciar, protexer e axudar a recuperar o medio ambiente, tal e como sinala a directora do CEIP A Laxe, Patricia Cons. A actividade enmarcouse na X Limpeza Simultánea de Praias, coordinada e promovida pola asociación ecoloxista Adega e na que ademais de colexios de diversos puntos de Galicia, implicáronse onte e tamén este sábado asociacións ecoloxistas, concellos, escolas de surf , e particulares implicados en recuperar o litoral. Este ano tamén se sumaron na nosa zona os concellos de Ares, Fene e Cabanas. O reto das limpezas de praias é eliminar parte dos residuos que están nos areais como símbolo de chamada de atención sobre a situación de contaminación que sofren estes espazos tras o verán.

Homenaxe sorpresa

Alumnos e compañeiros despediron onte cunha homenaxe sorpresa a Branca Vierna, tras 42 anos de traxectoria como docente no colexio Cristo Rey . Os seus compañeiros quixeron recoñecer e agradecer toda unha vida dedicada a ensinar, educar e facer o ben. Aseguran que «despedir a Branca é dicir adeus a unha gran mestra en nome de moitas xeracións. É o recoñecemento agradecido a toda unha vida dedicada incansablemente a ensinar, educar e facer o ben». Paula Castro, por exemplo, afirma: «Non lembro o Colexio Cristo Rey sen ela e sei que a todos se nos fará difícil facernos á idea de que se xubila». Quen a coñeceron destacan os bos momentos en clase, as aprendizaxes divertidas, os seus proxectos sempre novos e creativos, e sobre todo a súa disposición para axudar a aquel alumno ou familia que máis o necesitaba. Por iso, ¡Grazas Branca!.

I. VALERIO

Iniciando o Camiño

 Acompañados polas súas titoras, os alumnos de quinto e sexto curso do colexio Cristo Rey partiron tal e como estaba previsto o xoves á primeira hora do porto ferrolán, onde selaron a credencial como peregrinos e tras parar na Concatedral de San Julián para recibir a bendición do párroco, emprenderon a ruta polo Camiño Inglés na súa primeira etapa ata Neda. Todos portaban unha especie de medalla coa típica vieira e o lema Bo Camiño. Ao seu paso polo Cantón vímoslles felices de vivir esa experiencia peregrina en compaña das súas titoras de quinto A e B, respectivamente, Gena Seijo e Uxía Vilar e as dos alumnos de sexto A e B, Luz Porto e Arantxa Narváez. Está previsto que ao longo do curso complétense os sucesivos tramos ata chegar a Santiago. En novembro dedicarán unha xornada ao tramo entre Neda e Pontedeume e así sucesivamente mes tras mes ata chegar a Compostela. Os alumnos nos só vivirán unha experiencia marabillosa como peregrinos, tamén aprenderán en contacto coa arte, a natureza, a música popular, as tradicións e o estilo de vida propio dos peregrinos a través da ruta xacobea que estará moi presente en todas as materias ao longo deste curso. O xoves tamén se detiveron en Correos para enviar cartas de ánimo aos nenos da Palma.

Todas coa Palma

A Panadería A Nova de Neda súmase á onda de solidariedade cos damnificados pola erupción do volcán da Palma e anunciou que destinará todo o que recade este domingo a través da venda de pan no seu despacho de Neda á poboación da illa. Farao a través da conta aberta polo Cabildo. O seu responsable, Gelina Barros, quixo ter un xesto para coas xentes que o perderon todo e pór algo da súa parte para paliar os efectos da catástrofe que está a afectar a tantas familias de Canarias .