«Levo tempo desexando poñer a vacina»

gala dacosta / a.ou. FERROL / LA VOZ

FERROL

Diego Regueiro, de Pontedeume
Diego Regueiro, de Pontedeume

Os ferroláns de 29 anos acudiron a FIMO para a primeira dose

29 jul 2021 . Actualizado ás 22:20 h.

A primeira xornada de vacinación dos veinteañeros comeza con trafego pero con orde á entrada de FIMO. A cola non é demasiado longa e os veciños da comarca de 29 anos abren a veda á vacinación dos da súa xeración. A enfermeira que pide o código QR ás persoas citadas indica que o espazo abre ás nove da mañá e pecha a unha hora indeterminada, en función do día.

A semana pasada recibiron unha chamada ou un SMS do Sergas no seu teléfono de contacto que os citaba para hoxe mesmo. Lorena, Diego ou Erika son algúns dos máis madrugadores. Ás dez da mañá saen xa despois de recibir a primeira dose de Pfizer. Veñen de distintos lugares expresamente para a cita, e todos coinciden no alivio e a tranquilidade que lles supón contar ao fin coa primeira das dúas doses necesarias para completar a pauta de vacinación. A aresana Lorena González vai cumprir 30 anos o vindeiro luns e explica que «levo moito tempo desexando poñer a vacina porque teño unha panadaría e son considerada traballadora esencial, así que levo traballando dende o minuto un e para min é un alivio tela porque no negocio entra moita xente. Agora sinto que vexo a luz ao final do túnel». A mesma satisfacción sente Diego Regueiro, procedente de Nogueirosa (Pontedeume): «Xa quería vacinarme porque tiven que pechar os dous negocios que tiña, estaba nervioso pola clientela, que puidese contaxiarme sen querelo e non sabía se iso me podía deixar tocado».

Lorena González, de Ares
Lorena González, de Ares CESAR TOIMIL

Ningún sentiu ningún temor, senón todo o contrario, á hora de vacinarse: «Algúns amigos dicíanme que ía marearme e tal pero nada, nin sentín o pinchazo». Vai acompañado de dous amigos máis que tamén foron inoculados. Están visiblemente emocionados e ata piden unha foto xuntos de recordo.

Algo distinto é o caso de Sara Rodríguez, cedeirense de dezaoito anos que acudiu a FIMO porque pediu vez a través da aplicación do Sergas que dá cita aos mozos de entre dezaseis e dezanove anos: «Agora estou máis tranquila porque teño unha enfermidade crónica, non me puiden vacinar antes porque non era considerada de risco».

Sara Rodríguez, de Cedeira
Sara Rodríguez, de Cedeira CESAR TOIMIL