«O primeiro que me pediron ao abrir foi un test covid e un certificado de vacinación»

BEATRIZ ANTÓN FERROL / LA VOZ

FERROL

CARLOTA LÁZARO

As farmacias xa poden dispensar probas de autodiagnóstico sen receita

23 jul 2021 . Actualizado ás 12:31 h.

As farmacias xa poden dispensar test de autodiagnóstico para detectar o covid-19 sen necesidade de presentar receita. E onte, na primeira xornada de venda libre destas probas de autodiagnóstico, houbo algunhas boticas da comarca ferrolá que se viron desbordadas pola demanda. Entre elas, a da avenida de Esteiro, onde os 50 test de antígenos que tiñan dispoñibles vendéronse antes do mediodía. «Foi algo tremendo, pero a verdade é que xa nolo agardabamos porque estes últimos días chamou moita xente interesándose polos test, houbo moitas reservas e agora ata temos lista de espera», comentaba a última hora de mañá a farmacéutica Noa Rey .

Ás doce, na farmacia Adrio da rúa Real xa venderan quince. «Foi curioso porque o primeiro que me pediron ao abrir esta mañá foi un test covid e un certificado de vacinación, que é algo que tamén nos están demandando moitísimo, sobre todo xente maior que non domina tanto as tecnoloxías e cústalles descargalo do móbil», explica María Adrio, a responsable da botica.

Serológicos e de antígenos

Na súa farmacia ten a disposición dos clientes test serológicos para detectar anticorpos do virus -que poden indicar se se está pasando ou xa se pasou a enfermidade- e tamén probas de antígenos, «que son as que máis nos están pedindo porque son capaces de cazar' ‘a infección activa», explica Adrio.

Tanto ela como outros compañeiros farmacéuticos da zona apuntan que o aumento dos contagios entre o novos está a motivar a maior parte da demanda. «Case todos os mozos teñen algún amigo ou coñecido que deu positivo, e aínda que non sexan contactos estreitos ou mentres os rastreadores non os chaman para facerlles as probas, os seus pais recorren a estes test para quedar máis tranquilos», apunta Adrio. Pero nas boticas tamén demandan estas probas de diagnóstico presentas que teñen unha voda ou algún evento social. Ou tamén pais que van reencontrarse cos seus fillos tras un campamento ou unha estancia fóra de casa e queren que se fagan o test para comprobar que non se contaxiaron.

A maioría das boticas dispoñen de test de antígenos con toma de mostra nasal, pero, a diferenza das probas PCR, neste caso non é necesario introducir tanto a varilla nos orificios do nariz, polo que non resultan tan molestas e en apenas quince minutos pódese coñecer o resultado. Os prezos, aos que non se lles aplica o IVE, oscilan entre os 6 e os 10 euros.