«É difícil atopar a persoas profesionalizadas no rol»

andrea lago / a.ou. FERROL / LA VOZ

FERROL

César Toimil

Fai xa tres anos este ferrolán fixo realidade o seu proxecto persoal, crear a única editorial galega deste tipo de xogo

23 jul 2021 . Actualizado ás 00:04 h.

O ferrolán Víctor Romero arriscouse fai xa tres anos cun proxecto persoal, fundar unha editorial de xogos de rol. Agora The Hill Press, a única editorial galega do sector, é un referente para moitos fanáticos e xa acada grandes cifras de vendas.

-Moitas persoas non saben o que é o mundo do rol, como o explicaría?

-Definiríao como unha mestura entre os videoxogos e o teatro. A maior parte dos xogos teñen a un director que crea unha historia ou colle unha xa creada e os xogadores interpretan aos personaxes protagonistas actuando e falando como eles, de aí a parte do teatro. Durante o xogo, os participantes moven a historia e interpretan unha obra da que non coñecen o guion.

-E cando nace esta idea dunha editorial tan especializada?

- The Hill Press como empresa nace aproximadamente en agosto de 2019, pero eu xa levaba desde os quince anos lendo este tipo de libros e facía uns dous anos que facía streams xogando por lecer. Cando a miña canle xa tiña un bo seguimento para o sector, empecei a colaborar con editoriais probando os seus xogos e fixéronme ver o gran oco que había neste mercado. Crin que se podían facer as cousas de xeito distinto e lanceime, por sorte o tempo deume a razón.

-Ademais deste proxecto traballa como profesor, como é compaxinar ambos os traballos?

-Pois é esgotador. Agora lévoo mellor porque xa teño xente colaborando comigo, pero os dous primeiros anos eran oito horas diarias de profesor e chegar a casa e outras cinco horas na editorial. Todos os días, fins de semana e aproveitando as vacacións para traballar o dobre na editorial. Tiven que renunciar a moitísimas cousas, sobre todo a pasar tempo coa miña parella, cos meus amigos e ás veces a horas de soño. Pero fágoo por paixón, e aínda que non son profesor de vocación, tamén é gratificante.

-Comezou o proxecto en solitario?

-Así é. De feito, o primeiro libro, Malandros, traducino, o maqueté e fíxeno todo eu só, fóra da corrección porque non teño formación para facelo.

-E con que equipo conta agora?

-O noso equipo consta de dous tradutores fixos, unha persoa que leva as redes, outra a loxística, a miña man dereita Óscar Pena e eu, que son o que se encarga das tarefas de xestión e coordinación. Aínda así é complicado atopar a persoas profesionalizadas no rol, porque se gaña moito menos diñeiro ao ser un nicho de mercado moi reducido. Ninguén se especializa e ao final quedas con amateurs aos que lles apaixona leste tema pero fáltalles ese grao de profesionalización.

-Como definiría a empresa?

-Transparente. Desde a miña canle sempre ensino os produtos, dou a cara se algo non sae ben e recoñezo os erros. Así a comunidade confía en ti e créase unha comunidade moi próxima, fiel e que agradece e valora o traballo.

-Exponse vivir exclusivamente disto?

-É o meu soño, pero é complicado. Agora mesmo, se saco mil euros xa é moito, fágoo por vocación, sei que non me vou facer rico con iso.