Dous estudantes impulsan a moda inclusiva no comercio ferrolán

c. cartelle / a. c. FERROL / LA VOZ

FERROL

cedida

A campaña «Revoluciona o teu armario» pretende romper cos estereotipos

12 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tania García Varela, de 23 anos, e Laura González Vilar, de 26, cursan o seu último ano en Comunicación Audiovisual na UDC. Xuntas, e co gallo de o seu traballo de fin de grao, decidiron sacar adiante unha campaña publicitaria centrada en romper cos estereotipos da industria téxtil «Nun primeiro momento tiñamos dúas opcións, expor unha empresa ficticia, ou arriscarnos cunha empresa física e traballar acorde ás necesidades reais dun cliente» explica Laura González.

Afortunadamente, a Lidia , a dona da tenda de roupa e complementos Lidia Vila, pareceulle unha gran oportunidade para reflectir a esencia da súa marca. González explícao: «Unha parte do traballo sería facernos cargo das súas redes sociais para fidelizar aos seguidores máis novos». Ademais, tamén lle propuxeron ampliar o seu público, rompendo estereotipos para chegar a un perfil masculino. «A pesar de ser unha tenda de roupa catalogada como feminina, queriamos apostar pola moda sen xénero, limitacións de idade ou estereotipos» apunta Tania.

Para iso, aproveitaron a chegada do verán para gravar o seu primeiro fashion filme, un vídeo promocional onde diferentes perfís presentan un adianto da roupa de tempada. «As tendas que non se adaptan ás novas tendencias adoitan quedar obsoletas», sinala.

A pesar de que a campaña aínda segue en proceso de produción, os resultados xa son tanxibles. No último mes, a súa conta de Instagram obtivo máis de 140 seguidores. Ademais, as valoracións están a ser moi positivas, xa que se transmite unha imaxe coidada e actualizada do perfil. «Moitos clientes viñeron á tenda buscando produtos que viron en Instagram, o que supuxo un incremento de vendas», afirma Tania García.

Coa presentación do proxecto en setembro e con vistas a continuar traballando con Lidia , o horizonte promete . Ademais, esta iniciativa chamou a atención doutras tendas da zona como Teas Monty, que proximamente contará coa axuda de Tania e Laura na xestión de promoción. «Se todo sae ben nos gustaría xuntar un pequeno grupo de tendas coas que poder traballar desde nosa propia empresa para impulsar o pequeno negocio ferrolán», expón Tania.