Diego Rivas: «Sabemos que o Marino non nos regalará nada»

JOSE VALENCIA FERROL / LA VOZ

OPA RACING

JOSE PARDO

«A nosa necesidade debe de notarse desde o primeiro minuto», di o porteiro

06 may 2021 . Actualizado ás 23:24 h.

O Racing segue preparando nas instalacións da Malata o último partido oficial desta tempada, a disputar o domingo ás doce en terras asturianas fronte ao Marino de Luanco. Noventa minutos nos que estará en xogo unha praza para a nova Primeira División da Federación Española de Fútbol ou o descenso á cuarta categoría do fútbol español. Para os xogadores do Racing é o peor escenario, un partido fóra de casa, fronte a un equipo aguerrido, que defende con cinco, e que toda a tempada se mostrou forte no seu campo. Todo está en contra, aínda que os xogadores racinguistas insisten en que se deixarán a pel por conseguir o triunfo e acadar o obxectivo.

O porteiro Diego Rivas, un dos veteranos do equipo, falou onte do partido en terras asturianas. «Agora si que é unha final. Levamos un ano no que parece que cada partido que disputamos é unha final, aínda que esta é a definitiva. Temos que conseguir unha vitoria que nos permita acadar o obxectivo. Sabemos que o Marino de Luanco é un rival complicado, que na súa casa é moi forte, saca moi bos resultados. Nós temos algo máis en xogo, esa opción de poder clasificarnos entre os dous mellores e esa necesidade debe notarse desde o primeiro minuto de xogo», indica.

Asegura que os xogadores no vestiario están tranquilos e motivados. «Todos os partidos desta tempada foron esixentes, sempre había a necesidade de gañar. Unha semana máis estamos centrados en preparar o encontro, aínda que sexa unha semana especial polo feito de que é o último partido, o definitivo. A xente no vestiario está como sempre, centrada, traballando e preparando o encontro da mellor forma posible», explicou.

Non agarda que o Marino de Luanco vaia a regalar nada. «Levan xa varias semanas sen xogarse nada, pero está en xogo o seu prestixio como futbolistas, a súa profesionalidade, o seu respecto ao deporte, que non é outro que saír a gañar cada partido que disputan, e estano facendo. Gañaron o outro día en Santiago, nun campo complicado, o Deportivo tampouco lle puido vencer. Sabemos que non nos van regalar nada, sabemos que van competir o partido da mellor forma posible. Ademais, ás veces, esa sensación de non xogarse nada decisivo, faiche ser máis valente. Sabemos que será un encontro complicado», subliña.

A pesar de que seguro que o rival xogará con defensa de cinco, facéndose forte na súa área, Diego Rivas indica que o Racing non ten porque cambiar a súa forma de xogar. «Non creo que teñamos que facer grandes cambios en referencia ao que vimos facendo. Estamos a demostrar que somos un equipo que vai polo partido desde o principio, que intenta presionar ao rival arriba ou pólo en dificultades en todo momento. Imos ter personalidade co balón, trataremos de crear superioridades e ter máis oportunidades de finalizar arriba. Neste sentido estamos a traballar esta semana. Introducimos varios matices no traballo xa que eles poden actuar con varios sistemas. Con todo, as liñas xerais serán as dos últimos encontros que disputamos», dixo.

A portería, a cero

Diego Rivas é porteiro e asume que manter a portería a cero será o primeiro paso para gañar o partido. «Está claro que manter a portería a cero facilitaría moito as cousas. Somos un equipo que ve porta en todos os partidos, cunha gran incidencia en ataque. Evidentemente, se conseguimos deixar a portería a cero, iso achegaríanos moito ao obxectivo», indicou.

Sobre que hai unha segunda bala, o partido entre o Numancia e o Deportivo nos Paxariños, se se falla en casa do Marino , Diego Rivas asegura que non pensa nese tema. «Temos o privilexio de que se gañamos nós, non temos que mirar a ningún lado. Traballamos para controlar o que temos nas nosas mans. Hai que gañar e a partir de aí dáme igual o que pase en Soria. Penso que estar pendente ou agardar algo dun partido no que o teu non podes influír é perder o tempo, desviar a atención, e non estar concentrado no que toca», concluíu.