Os ERTE xeran moitas dúbidas na nova campaña da declaración da renda

FERROL

CESAR TOIMIL

O pasado 7 de abril abriuse o prazo para realizar a declaración por Internet e o 6 de maio comezará o presencial e por teléfono

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

? Como afecta o ERTE na declaración da renda? O pasado 7 de abril abriuse a campaña a través de Internet -que vai durar ata o 30 de xuño- e, de forma presencial ou por teléfono, o prazo porase en marcha o próximo o 6 de maio. A consulta sobre o impacto do ERTE na declaración é a máis solicitada nas asesorías da comarca. «Xera moito desconcerto entre a xente, é un pouco a puntilla para moitos», lamenta Ángela Rey , de Asocia Asesores, situada en Narón. Entre moitas novidades, dado que moitas das persoas que estiveron ou están en ERTE deben pagar, a Axencia Tributaria puxo en marcha a posibilidade de fraccionar a factura fiscal en seis abonos, se a declaración sae a pagar polo efecto dos expedientes. Abonarase cada día 20 de cada mes a partir do 20 de xullo ata o 20 de decembro. «En cuestións de renda e de trámites, as principais asesorías son sobre os ERTE. Hai moita xente que aínda non cobrou, ten que devolver diñeiro do ano pasado... Hai moito trámite», explica Roberto Rodríguez, da asesoría ferrolá Planning Asesores.

Outro colectivo afectado son quen teñan estado nun expediente de regulación temporal de emprego pero cobren o Ingreso Mínimo Vital. A pesar de ser unha renda exenta de tributación, os perceptores están obrigados a cumprimentar a declaración. «Como teñen máis dun pagador moitos vanse ver obrigados a presentar a declaración. Tomar estas decisións, en moitas ocasións sen contar co impacto no colectivo, despista e desanima á xente», lamenta Manuel Escourido, de Escourido e Asociados, con oficinas nas Pontes e en Vilalba. Os expertos explican que esta presentación a quen afecta de forma indirecta é aos membros da súa unidade de convivencia, evitando a posibilidade de deducir por descendentes ou ascendientes con discapacidade.

As nais que teñan estado en ERTE pola pandemia só poderán aplicarse a dedución por maternidade se o axuste de emprego non foi de suspensión.