A Escola de Música de Ortigueira ofrece unha modalidade semipresencial

LA VOZ ORTIGUEIRA

FERROL

CEDIDA

O centro municipal aplicará un estrito protocolo para previr o covid-19

19 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Este curso será o primeiro en que a Escola Municipal de Música de Ortigueira ofreza unha modalidade de formación semipresencial. Os alumnos puideron elixir entre esta fórmula, pensada para maiores de 16 anos -as clases de linguaxe musical impartiranse telemáticamente- e a habitual. A maiores, o centro seguirá difundindo todo o seu traballo (concertos, directos, entrevistas, etcétera) a través da súa canle EMCO TV en YouTube e Facebook .

O centro ortegano, con 140 prazas e 22 especialidades, presentou os seus protocolos de prevención do covid-19. Inclúen medidas de hixiene e seguimento e control de posibles incidencias. O Concello instalou no centro biombos e un purificador de aire, ademais de repartir máscaras, xel hidroalcohólico e produtos desinfectantes, «para que sexa seguro».

As instalacións limparanse dúas veces ao día e o profesorado ocuparase de desinfectar as aulas ao final de cada clase, e ventilaranse durante 15 minutos ata que entre o seguinte grupo. O centro recomenda o uso de pantallas para os instrumentos de vento que o permitan e máscaras FFP2 para as clases de canto e coro. Tamén hai un sistema de desinfección do calzado para as sesións de música en movemento, percusión, piano ou guitarra.