Galiña trufada

Eduardo Fra Molinero

FERROL

27 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ouutro día conto cómo sabe este manxar exquisito. Hoxe toca a historia de como chegou a receita da galiña trufada á miña nai. Tía María, de Anllares del Sil, quedou orfa pois a nai morreu no parto e foi criada na casa dun tío de Páramo. Alí coñeceu a Carmen, unha rapaciña das minas. Carmen, xa moza foi para León a traballar na casa do Sr. Modroño, o propietario da mina. De León pasou a Madrid a servir na cociñas de casas importantes. Chegou servir na casa do primeiro embaixador de USA en España.

Nun convite serviron unha tarta que chamou a atención aos invitados entre os aque estaban os señores marqueses de Villaverde. A señora Marquesa quixo felicitar á reposteira da tarta, a señora Carmen de Páramo. Da casa do embaixador pasou á casa dos marqueses de Villaverde, onde aprendeu a preparar a galiña trufada, o foie-gras e outros manxares de cociña francesa. A aristocracia española foi francofila, alomenos nos temas de cociña. Nas vacacións Carmen volvía a Páramo e pasaba a visitar a tía María.

Así coñeceu miña nai a Carmen a de Páramo e tamén aprendeu a receita da galiña trufada e máis a do foie-gras. A galiña mellor que sexa vella. Hai que separar o pelexo da carne e ósos, pero sen rompelo. Un traballo de precisión. Aconséllase un bombín de bicicleta.

O derradeiro traballo de Carmen foi na casa de Nieto Antúnez, ministro de Franco. Dona Carmen Polo chamou a Carmen para un banquete no Pazo de Meirás. Serviron tres galiñas trufadas. Franco peniscou un par de migallas.