E o mariscal

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL

22 may 2020 . Actualizado ás 23:38 h.

O meu amigo Julio López Allegue, Julio de Remedios, gran experto en toda clases de árbores froiteiras e excelente campanero, e que ademais é un apicultor de moito mérito, chámame para celebrar, aínda que sexa a través do teléfono -leva xa uns cantos meses fóra de Galicia-, o Día Mundial das Abellas, que é a xornada na que se lles rende tributo a uns dos máis marabillosos seres do Reino da Natureza. Uns seres, todo sexa dito de paso, que fascinaron a un sinnúmero de escritores, desde a Carlos Casares ata a Maurice Maeterlinck. Insísteme Julio en que non esqueza, agora que xa se achega o verán, que temos que ir, como cada ano, a levarlle unhas velas a San Ramón, ao Meu Santiño. E eu dígolle que, por suposto, ben me acordo. A San Ramón, cuxa festa, como ninguén ignora, celébrase o último día de agosto, unha vez levámoslle, mesmo, tres figuras dos Reis Magos de Oriente, cos seus correspondentes dromedarios. E iso debeu de ser do agrado tanto de Don Melchor, Don Gaspar e Don Baltasar como do propio San Ramón, posto que pouco despois tanto Julio de Remedios como o noso amigo Logh Itoh apareceron nunha novela xunto aos Monarcas de Oriente, que nesas páxinas lle facían entrega do manuscrito do Quixote a outro amigo noso máis: a don Enrique Cal Pardo, deán da catedral mindoniense e un dos mellores medievalistas galegos, que agora xa vive alén do río, onde a Luz Eterna. Don Enrique, por certo, era da parroquia de Galdo, en terra de Viveiro. Moito me gustaba preguntarlle onde está a tumba do mariscal Pardo de Cela, para que mo volvese a contar. As grandes historias sempre son novas.