Morre un home de 74 anos con COVID-19 que estaba ingresado no Juan Cardona de Ferrol

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL

FERROL

JOSE PARDO

É a novena vítima por coronavirus da comarca

01 abr 2020 . Actualizado ás 21:58 h.

Un home de 74 anos que estaba ingresado no hospital Juan Cardona morreu onte e convértese así na novena vítima do coronavirus en Ferrolterra. Fontes deste centro explican que o paciente tiña enfermidades previas e que o sábado comezou a empeorar, motivo polo que foi ingresado na uci do centro, onde faleceu por mor dunha pneumonía bilateral. Esta é a primeira baixa que se rexistra desde o domingo, mentres que a semana pasada houbo mortes todos os días excepto o mércores. A primeira falecida na comarca tamén estaba neste hospital.

O xerente do Juan Cardona, Francisco Soriano Paredes, explica que seguen tendo a dez persoas ingresadas na planta de illamento: cinco deles co diagnóstico de coronavirus confirmado, mentres que outras cinco agardan a proba. «Dous destes pacientes chegaron a urxencias hoxe (por onte) e están á espera dos resultados que foron negativos noutros dous casos que tamén estaban na planta destinada ao COVID», precisa o responsable médico.

O Juan Cardona está prestando un labor de apoio ao CHUF e os seus recursos atópanse a disposición do Sergas nesta crise sanitaria. Así, desde a sanidade pública están a desviarse pacientes doutras especialidades, como as urxencias traumatológicas ou as diáleses, e xa son medio centenar os ingresados neste centro de Caranza por este motivo.

Unha área especial de 25 camas

Este centro privado creou, ademais, unha planta illada para enfermos de coronavirus que atenderá aos pacientes de seguros privados e os que se deriven desde a sanidade pública. Esta área ten capacidade para 25 camas e conta cun teléfono en cada cuarto para facer máis levadío o illamento dos pacientes.