Tres feridos ao descarrilar un tren da antiga Feve no Barqueiro

La Voz

FERROL

O suceso produciuse por mor dun desprendemento de terras. Os feridos son o maquinista e o interventor, ademais dun dos seis pasaxeiros

20 feb 2020 . Actualizado ás 11:01 h.

Tres persoas (o maquinista, a interventora e un pasaxeiro) resultaron feridas leves a última hora da tarde deste mércores no Barqueiro ao descarrilar un convoi da antiga Feve que viaxaba en dirección a Ferrol, procedente de Oviedo. Os outros cinco viaxeiros que se atopaban a bordo do tren resultaron ilesos, segundo a informacións de Renfe e da Garda Civil. Ao lugar do suceso desprazáronse axentes da Benemérita e persoal do GES de Ortigueira, ademais efectivos de Protección Civil de Mañón -os primeiros en chegar-, os bombeiros de Viveiro e os servizos médicos que se ocuparon dos feridos.

O desprendemento dunha trincheira sobre a vía parece que foi a causa do descarrilamento. Ao saírse dos raíles, o convoi chocou contra o hastial dun paso elevado próximo. A liña permanece cortada e a operadora ferroviaria preparou un plan alternativo de transporte para os viaxeiros. Todos os servizos de Renfe entre Ribadeo e Ortigueira están a realizarse por estrada, á espera de que Adif retire o material acumulado nas vías.