Curso gratuíto de redacción de proxectos europeos no antigo Hospicio de Ferrol

La Voz FERROL

FERROL

JOSÉ PARDO

A actividade conta con 25 prazas e as inscricións realízanse por orde de chegada

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O antigo Hospicio acollerá o próximo 5 de marzo, de 9.30 a 14.30 horas, o taller Redacción de Proxectos Europeos: Erasmus +. A actividade, organizada pola Deputación da Coruña coa colaboración da concellaría de Economía, Facenda e Emprego, é gratuíta e pretende dotar aos participantes de ferramentas para realizar un proxecto no marco dos Erasmus + e Corpo Europeo de Solidariedade, co fin de aumentar a participación en proxectos que fomenten os intercambios xuvenís e de voluntariado europeo.

O curso conta con 25 prazas e está dirixido a persoal técnico dos concellos, así como a membros de organizacións sen ánimo de lucro interesados en promover a mobilidade xuvenil no seu territorio. Inclúe un estudo e a descrición dos programas europeos; ferramentas para pasar da idea ao proxecto identificando o contexto, as necesidades, obxectivos e a identificación dos participantes; indicadores para facer un seguimento do proxecto e métodos para a difusión dos resultados e a xestión económica e administrativa da iniciativa. A inscrición é por orde de chegada e finaliza o 4 de marzo.