Uns 6.500 euros en premios no Entroido pontés

La Voz AS PONTES

FERROL

CÉSAR TOIMIL

O desfile de disfraces terá lugar o martes de entroido

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As Pontes pechará o vindeiro luns o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que queiran participar no tradicional desfile de disfraces, que terá lugar o martes de entroido. O Concello repartirá máis de 6.500 euros en premios.

Apuntan desde o goberno local que o xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía ou o número de compoñentes dos grupos para outorgar os premios ás mellores carrozas, con 700, 550, 300 e 200 euros para os catro primeiros clasificados.

Ademais terán premio as catro primeiras parellas adultas clasificadas, con 175, 150, 100 e 75 euros, respectivamente. E a nivel individual, quen tomen parte no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 euros aos mellores disfraces. A cabalgata de entroido partirá ás 17 horas da rúa Monte Caxado e percorrerá as rúas da vila ata acadar o Pavillón polideportivo.