«Notamos que a calidade da auga da ría mellorou bastante»

Manuel Arroyo Alves
M. Arroyo FERROL / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

Urgorri e Quintana avogaron por unir ciencia e administración

12 feb 2020 . Actualizado ás 18:06 h.

As condicións das augas da ría de Ferrol afloraron onte durante a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, á Estación de Bioloxía Mariña da Graña, en Ferrol. O seu director, Victoriano Urgorri, catedrático da Universidade de Santiago, guio á que foi a súa alumna polas instalacións situadas ao pé do peirao, que percorreu acompañada polos presidentes das federacións de confrarías galegas e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

«O noso obxectivo é desde hai anos aproximar o sector científico e o sector profesional», asegurou Quintana. Ese era un dos propósitos da visita institucional, porque, en palabras da conselleira, «temos que deixarlle ás xeracións que veñen por detrás un mar mellor do que nos atopamos». Neste sentido, a Xunta subliña «a importancia de tender pontes entre os profesionais do sector e os investigadores en beneficio do mar», para que «as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador» de los centros como el de A Graña.

Esa colaboración, encamiñada a acadar «unha explotación sostible no tempo», sinalou a conselleira, debería redundar en factores concretos, como a abundancia de especies na ría ferrolá. A este respecto, Urgorri detallou que, segundo os estudos periódicos, «notamos que a calidade das augas mellorou bastante. Era unha ría na que os sedimentos estaban totalmente colmatados de materia orgánica». Pero tanto o director da estación como a titular de Mar, recalcaron que o saneamento é un proceso longo e que «tardará uns anos». No entanto, Urgorri abundou en que «a ría ten unha produción de determinadas especies moi grande, é dicir, non falta alimento». «Hai milleiros de zamburiñas e vieiras; a pouca produción que aparentemente se da nas ameixas pode ter outras causas, pero desde logo non na calidade das augas», engadiu.

Preguntada precisamente polos continuos reclamos dos mariscadores ante o escaso produto, Quintana sinalou que hoxe mesmo manterá unha xunta cos patróns maiores dos depósitos de Ferrol, Barallobre e Mugardos: «Temos contacto diario cos tres e se lles informa do plan de recuperación que temos posto en marcha e que eles coñecen perfectamente». «Son máis de 752.000 euros os que neste momento se están a invertir na recuperación, tanto con arados como con aporte de áridos onde se consideraba oportuno, e hai un seguimento dun técnico en canto a cantidade de produción de ameixa», apuntou.

Colaboracións

Para o catedrático, «vendo as instalacións se poden levar unha idea máis clara das nosas posibilidades», e emprazou aos axentes implicados para que o seguinte paso a dar sexa estudar as medidas a desenvolver para «traspasalas a convenios» que as leven adiante. Por exemplo, a Estación realiza desde hai varios anos un seguimento para a Autoridade Portuaria para determinar o impacto da ponte para o tren ao porto.