Os centros da comarca estrearon nove proxectos de FP este curso

La Voz FERROL

FERROL

CEDIDA

A formación profesional conta con máis de 3.200 alumnos en Ferrolterra

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os 19 centros da comarca que imparten formación profesional contan este curso con máis de 3.200 matriculados e unha nova oferta formativa enriquecida con nove proxectos de FP Dual.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou onte durante unha visita ao IES Leixa, en Ferrol, o «éxito» das titulacións de FP na comarca, «unha das máis industriais de Galicia».

Pomar referiuse ao instituto ferrolán como «un dos centros de referencia», con máis de 500 alumnos matriculados en ciclos, e a distinción «estrela PluriFP desde o ano 2018», polo que este curso ofertou na modalidade plurilingüe (con idioma inglés) o ciclo superior de . Deseño e edición de publicacións impresas e multimediaA consellería subliña que o Leixa foi un dos que incorporaron «unha das maiores novidades da oferta de FP Dual deste ano, a dobre titulación de grao medio de Coidados auxiliares enfermaría e Atención a persoas en situación de dependencia».

A oferta de FP inclúe a apertura de matrícula en nove proxectos novos de FP, dos que sete se implantaron no centro por primeira vez. Son, en concreto, o ciclo de grao medio en (CIFP Comercialización de produtos alimentarios Rodolfo Ucha Piñeiro) e os de ciclo superior en (CIFP Asistencia á dirección Rodolfo Ucha Piñeiro); Mantemento electrónico Enerxías renovables; Programación da produción en fabricación mecánica; Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos; Deseño en fabricación mecánica e Mecatrónica industrial, todos estes últimos correspondentes ao CIFP Ferrolterra. «Esta aposta pola nova oferta en Dual, unida aos ciclos que xa se estaban impartindo, fan que hoxe a FP Dual na comarca conte máis de 180 matriculados», asegura o Departamento autonómico.

Na zona ofértanse ciclos en familias profesionais como Actividades físicas; Administración e xestión; Agraria; Artes gráficas, Comercio; Edificación e obra civil; Electricidade; Enerxía e auga; Mecánica; Hostalaría; Imaxe e son; Imaxe persoal; Industrias alimentarias; Informática; Instalación e mantemento; Madeira; Marítima; Química, Sanidade, Servizos e Transporte.