O programa local «As Pontes Emprende » apoia 20 proxectos

María Meizoso AS PONTES / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

A Concellería de Emprego, impulsora da iniciativa, destinou á última convocatoria 50.584 euros

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A cuarta edición do programa de axudas á creación de empresas, As Pontes Emprende , pechouse co respaldo, por parte do Concello, dunha vintena de proxectos emprendedores postos en marcha ao longo do 2018. En concreto, a administración local destinou un montante total de 50.584,32 euros.

A responsable do departamento municipal, Ana Pena, presidiu onte o acto de entrega das axudas. E, na súa intervención, subliñou que «desde a súa posta en marcha, no ano 2015, o Concello realizou un investimento de case 178.000 euros e 68 proxectos se beneficiaron destas achegas, permitindo a creación de 93 postos de traballo».

Sen perder de vista a convocatoria actual, Pena fixo un repaso polos inicios do programa ao lembrar que «esta iniciativa tivo moi boa acollida desde un primeiro momento, no 2015 e, o que é máis importante, os resultados son moi bos despois de catro anos, consolidando case o 80% dos proxectos impulsados polo programa e xerando emprego, que é o obxectivo final».

As axudas municipais á creación de empresas recaeron, nesta ocasión, nun proxecto de agricultura ecolóxica, un estudo fotográfico, unha empresa de informática, un centro de estudos, unha firma de consultoría, outra de carpintería metálica e outras dúas de montaxe e soldadura e de carpintería e madeira. A lista complétase con cinco establecementos comerciais e tres hostaleiros. En relación á natureza dos proxectos, Pena apuntou que «nesta convocatoria 13 proxectos están liderados por mulleres, as súas iniciativas permitiron crear 33 postos de traballo, un dato que nos enche de optimismo ante as dificultades que, de forma xeral, teñen para acceder ao mercado laboral». Sobre a continuidade da iniciativa, a socialista asegurou que «desde o goberno local adoptaremos, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños e veciñas. Son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e que xeran centos de postos de traballo».

O programa As Pontes Emprende conta con dúas liñas de actuación. A primeira, denominada Impúlsache, destinada a sufragar gastos de alugueiro. A segunda, Instálache, dirixida a gastos de inmobilizado material e investimentos relacionados co acondicionamento do local necesario para a posta en marcha do proxecto empresarial. Desde a súa creación, en 2015, o Concello apoiou 68 proxectos e investiu 177.899 euros.