Adrián López presenta disco sen pasar por OT

FERROL

CEDIDA

O vindeiro domingo arrinca unha nova edición

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O vindeiro domingo arrinca unha nova edición de Operación Triunfo na que 16 mozos competirán por ser os mellores da famosa academia de TVE. Na presentación do programa anunciaron moitas novidades para a presente edición, na que finalmente non estará o naronés Adrián López. O músico e profesor de baile na academia Old Dance Studio en Narón quedou fóra na criba final, despois de ter sido un dos cinco elixidos no cásting celebrado en novembro no Multiusos de Compostela. A súa compañeira de grupo, Eva Barreiro, a benxamina dos seleccionados en Santiago, con tan só 19 anos e natural de Sada, si logrou coarse entre os 30 concursantes finalistas. Deles, só 16 entrarán este domingo na academia. Adrián, que xa se presentou con anterioridade e que tamén pasou polo programa La Voz, formando parte do equipo de Juanes, di que volverá intentalo. En calquera caso está moi satisfeito do que conseguiu este ano e en especial do seu primeiro disco, titulado Medo, e que está dispoñible en plataformas dixitais como Spotify. Non o fai nada mal. Co apoio necesario podería converterse nun absoluto éxito. Mentres, segue impartindo clases de baile na academia naronesa Old Dance Studio. Desexámoslle sorte e animámoslle a ir por todas, sen medo.

Barbería de pasarela

O próximo día 26 de xaneiro celébrase no auditorio Mar de Vigo a gala na que coñeceremos aos gañadores dos II Premios Imaxe de barbería e estética. Este certame, que se iniciaba en 2017, premia o traballo creativo e técnico dos profesionais da barbería e estética na nosa comunidade. Por iso corresponde dar o parabén a dous membros do equipo do recoñecido estilista naronés Antonio Calvo. Xusto Seoane Carneiro e Lucía López Bujeiro son finalistas nos premios IMAXE de barbería, respectivamente na categoría Vangarda, coa colección Shenobi, e na categoría Revelación para menores de 25 anos. Moita sorte a ambos.

Unha olimpíada en Fene

O pavillón de San Valentín, en Fene, acolleu o pasado sábado a tradicional Exhibición de Nadal do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra, despois de que tivese que ser aprazada polo temporal. O festival levou a cabo coma se duns Xogos Olímpicos tratásese. Así, cada un dos dez grupos que conforman o club representaba a un país e un deporte e realizaba exercicios de ximnasia artística nos distintos aparellos: chan, barra, paralelas e salto. Tres horas de competición, con 200 participantes. Un dos momentos máis emotivos viviuse coa homenaxe que o club brindou a dous dos seus ximnastas, Paula Parada e Ainhoa Tenreiro. Ainhoa foi a primeira en conseguir unha medalla nun Campionato de España e, no caso de Paula, destacouse a súa vinculación ao club como adestradora de varios grupos de alumnas pequenas. As dúas, despois de catro anos, decidían deixar de adestrar para centrarse nos seus estudos. Por iso, e para recoñecer o seu labor, recibiron un pequeno obsequio e un afectuoso recoñecemento público. Felicidades.