A solidariedade séntase á mesa

BEATRIZ ANTÓN FERROL / LA VOZ

FERROL

En la imagen, el equipo de la Cocina Económica, donde hoy se sirve una comida y una cena especial de Nochebuena
Na imaxe, o equipo da Cociña Económica, onde hoxe se serve unha comida e unha cea especial de Noiteboa JOSE PARDO

A Cociña Económica, o refuxio Pardo de Atín e Cáritas ofrecen menús especiais de Noiteboa e Nadal para máis de cen presentas sen fogar ou con poucos recursos

24 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Nadal é tempo de reunións familiares e grandes festíns, pero hai quen non teñen nin recursos económicos nin a calor dun fogar para poder celebrar estas festas como manda a tradición. Por sorte, na cidade existen un bo puñado de entidades de axuda social e moitos voluntarios que non se esquecen deles, como os que traballan na Cociña Económica de Ferrol, que hoxe se remangarán a camisa para ofrecer un menú especial de Noiteboa a unhas 150 persoas sen recursos ao mediodía e a ao redor de 85 á hora da cea (entre elas, seis familias con nenos pequenos).

«Na comida serviremos lagostinos ao forno, tenreira asada con patacas ao vapor, ensalada e vasiño de crema de queixo e fresa, mentres que o menú da cea estará composto dunha pescada en salsa americana acompañada de espárragos e pataca panadeira e con doces do Nadal de sobremesa», anota o presidente da entidade, Antonio Tostado. E mañá, día 25, o comedor de Rubalcava volverase vestir de festa para ofrecer unha comida especial a base de salpicón e cordeiro con salsa de almedras, patacas e verduras asadas.

Tostado asegura que, lonxe de diminuír, a necesidade segue aumentando. E proba diso son as cifras de usuarios da Cociña Económica: «Se en decembro do 2017 tiñamos unha media de 89 comensais nas comidas e 50 nas ceas, este último mes do 2019 estamos a atender a 120 persoas ao mediodía e a 70 polas noites», advirte o presidente da entidade, á vez que asegura que o perfil dos usuarios non cambiou neste tempo. «Non notamos que se incremente ningún colectivo en especial, senón que todos crecen por igual. Os nacionais seguen representando o 80% e os estranxeiros, o 20%, aínda que, dentro deste grupo, si constatamos que aumentaron os inmigrantes de Venezuela, Colombia e Cuba que chegan a Ferrol pedindo asilo político», explica Antonio Tostado.

E se as cociñas da rúa Rubalcava traballan a cen estes días, un tanto do mesmo ocorre nas do Hospital Xeral Juan Cardona, onde hoxe se prepará un menú de Noiteboa especial tanto para os pacientes ingresados como para as persoas sen fogar que se aloxan no refuxio Pardo de Atín, composto de consomé, salpicón de marisco, bacallau con coliflor á galega e sobremesas do Nadal.

Ocupación no albergue

Segundo apunta a traballadora social, o albergue atópase estes días case ao 100% da súa capacidade, con 40 das súas 42 prazas ocupadas. Aínda que habitualmente non abre ata ás seis e media da tarde, nestas datas o refuxio permite o acceso xa desde as cinco, ou mesmo desde as dúas da tarde, como ocorreu a fin de semana pasada, a causa do temporal. «A coordinación entre as entidades sociais foi excelente. Os voluntarios de Cáritas recolleron a 24 persoas na Cociña Económica e trouxéronas en furgoneta ata o albergue, porque vir andando desde alí, con día que facía, era moi perigoso», comenta Insua.

Mentres, no centro de día Gabriel Vázquez Seijas de Cáritas, na rúa Magdalena, tampouco se baixa a garda estes días. Hoxe e mañá abre as súas portas ata as doce do mediodía para ofrecer compaña e almorzos especiais, a base de produtos do Nadal, a 70 persoas.

E PARA QUEN PASEN As FESTAS NO HOSPITAL...

Croquetas de marisco, lagostinos e linguado no menú do CHUF

A ninguén lle gusta estar convalecente no hospital. E menos cando a estancia coincide coas festas do Nadal, pero, polo menos, os pacientes que se atopen ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) poderán gozar dun menú acorde a estas datas tanto hoxe como mañá.

Para a cea de Noiteboa, o menú «ordinario» —que poderán tomar todos aqueles pacientes que non están suxeitos a dietas hipocalóricas ou con determinadas restricións pola súa doenza— inclúe croquetas de marisco, lagostinos á prancha, linguado á champaña con espárragos e torta de queixo fría, ademais de doces do Nadal. E para o banquete de mañá, a proposta das cociñas do CHUF tamén resulta en grao sumo apetitosa: na comida de Nadal servirase aos pacientes un menú a base de sopa de peixe, pastel de marisco, chaira de tenreira asada con pataca e xardineira de verduras, e como sobremesa, torta de tiramisú.