O goberno de Ferrol prevé convocar catorce prazas na oferta pública de emprego do 2019

La Voz FERROL

FERROL

JOSÉ PARDO

O executivo abordará hoxe coa oposición as súas intencións en comisión e mañá cos traballadores nunha mesa de negociación

19 novs 2019 . Actualizado ás 08:54 h.

O goberno ferrolán prevé a convocatoria de catorce prazas dentro da oferta pública de emprego (OPE) para o exercicio do 2019. O executivo de Anxo Mato celebrará hoxe unha comisión informativa de Economía e Facenda na que dará conta do informe da taxa de reposición de efectivos vixentes para o exercicio en curso e a súa repercusión na OPE. Nel, alúdese a esa cifra de postos nun Concello con máis de 90 vacantes cuxo déficit de persoal dificulta o funcionamento dalgúns departamentos.

Tras abordalo na sesión de hoxe cos grupos da oposición, mañá mércores está convocada unha mesa de negociación coa representación dos traballadores, que mantén dúbidas respecto dese documento, e que tamén expón as súas reservas sobre a proposta de aprobación das bases que rexerán o concurso de distintos postos de xefaturas de negociado do Concello e do concurso de traslados de dous postos de encargado/supervisor, que tamén se tratarán na comisión de hoxe. A mesa abordará o calendario laboral do próximo ano e un informe sobre o permiso retribuído de tres días consecutivos de ausencia por enfermidade.