Andrés González, psiquiatra: «Levantámonos pensando que nos falta: a todos nos falta algo na vida»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL

FERROL

JOSE PARDO

O psiquiatra da área sanitaria imparte a Charla Saudable sobre a depresión o mércores, día 20, ás 20.00 horas en Afundación. A entrada é libre ata completar a capacidade

17 novs 2019 . Actualizado ás 19:48 h.

Andrés González García (A Coruña, 58 anos) leva dúas décadas traballando nas unidades de saúde mental da área sanitaria. Asegura que igual que non se pode previr unha enfermidade como o alzhéimer tampouco hai xeitos para blindarse contra a depresión, aínda que si vías para lidar cunha das doenzas mentais máis comúns. O vindeiro mércores, día 20 ás 20.00 horas, estará na Charla Saudable que organiza La Voz e a área Sanitaria de Ferrol e que leva por título Saúde mental positiva: ferramentas fronte á depresión.

-Pódese previr a amargura?

-Existen estados patolóxicos de tristeza que se poden previr, pero non me atrevo a dicir como se pode previr a depresión, porque ten un compoñente biolóxico que non permite dar receitas para non padecela nalgunha ocasión. Con todo, os hábitos de vida saudables propician un estado mental positivo, aínda que son receitas relativamente sinxelas de explicar e moito máis complicadas de levar á práctica.

-Ás veces tense amor, traballo, parece que non hai problemas graves e aparece a depresión...

-Ou nos parece que aparece, o que é certo é que cando estamos moi angustiados ou tensos non nos dá tempo a entristecernos, a deprimirnos. Ocorre con persoas que coidan a un familiar: están esgotados, pasan ata as noites con eles, pero o cadro depresivo maniféstase un tempo despois, cando o problema se superou Ten que ver coa situación de estrés que atravesou? Evidentemente, é un cansazo que se ha ir acumulado. Mentres estamos nunha postura de loita non se manifestan doenzas, pero pasa o tempo e aparecen. Por outra banda, adóitanse confundir sentimentos. A xente tende a confundir unha tristeza normal cunha patolóxica. Tristeza e depresión non son equivalentes. Aínda que nos vaia ben na vida os seres humanos levantámonos pensando en que nos falta, a todos nos falta algo na vida. O normal non é empezar o día dicindo: 'Síntome ben, que traballo máis bo teño ... ‘ A todos nos falta algo...

-E por que esa sensación arrastra a uns e outros non tanto?

-Son características de cada personalidade, pero hai estratexias. Hai cuestións que non dependen de nós: o que nos suceda na vida, os imponderables, pero outras moitas dependen de nós e esas son as que vou abordar na charla. E son máis das que pensamos. Sabemos que hai actividades que favorecen unha boa saúde mental, como unha alimentación saudable, algo que implica non consumir tóxicos, é dicir, o alcol, o tabaco e o cannabis. E, por suposto, o resto das drogas...

-Por que?

-Afectan moi negativamente. Inicialmente tómanse como evasión, pero acaban tendo dous problemas: o inicial e unha dependencia. E hai estudos que alertan de que o cannabis en adolescentes incrementa o risco de brotes psicóticos, que é a enfermidade mental máis grave. E noto unha tolerancia preocupante, mesmo por parte dos pais, deste consumo. O alcol acompaña a todas as celebracións e tampouco ten nada de positivo, pero é euforizante. Iso si, incrementa o risco de depresión e hai persoas deprimidas que recorren máis ao alcol como antidepresivo, unha roda fatal.